Impresionante, unha fermosura, un conxunto con máis de mil instrumentos de música que veñen de atrás e que manteñen o seu valor incalculable. A memoria da música de Galicia gardarase nunha casa anovada para este fin en A Seara, no concello de Quiroga, entrando e subindo pola serra do Courel. Xavier Blanco, un intelectual, un músico, un sabio defensor da música que “nace de copiar os sons da natureza”, e a súa compañeira e dona, Martina Ferradás, puxeron en marcha a Fundación Legar para, “despois de falar tres minutos” con representantes de varias institucións, crear e desenvolver o centro de música de raíz.
O día da inauguración foi un día de festa en A Seara. Estaban dispostos a escoitar e escoitaron alcaldes e alcaldesas dos municipios da redonda, xentes que se achegaron de distintos lugares de Galicia, parentes de Martina e amigos de Xavier, xornalistas e retratistas, veciños orgullosos de saber que coa súa peneira ou coa fouciña faise música de verdade. Orgulloso estaba tamén Xosé Manuel Merelles, o director de Turismo de Galicia e un dos valedores deste proxecto, que ensina, anima e reforza a cultura popular de Galicia.
Todos os que defenden a música, a arte, a poesía e o amor á terra, comparten o falar da Tía Manuela, cando afirma que a montaña concentra coñecemento e sabedoría, fala e aloumiña aos homes de palabra, desprende fiabilidade, seriedade e contundencia. A montaña crea e dálle personalidade á súa xente, á súa propia paisaxe, ao medio ambiente, ao ruxir do vento, aos oficios, á música, á poesía e aos silencios.
Este centro dedicado á “música de raíz”, segundo os seus promotores, Martina e Xavier, está dedicado á memoria e recolle instrumentos musicas das distintas zonas da Galicia, da mariñeira e das terras do interior, da Galicia despoboada e de todo ela, abandonada. O centro da Seara conta con tres salas fermosas e didácticas, unha está dedicada aos instrumentos primeiros da música rural tradicional; noutra concéntranse aqueles aparellos que fan música das tradicións e nas festividades galegas. A terceira sala está dedicada aos ritmos e danzas tradicionais.
Parabéns para Xavier Blanco (e para Martina), que durante corenta anos estudou, respectou, recuperou e gardou aqueles apeiros cos que os nosos pasados poñían música e ledicia ao traballo. Apeiros do rural para chamar ao gando, para acender o lume ou soprarlle a lareira ou a fragua; apeiros para labrar a terra, segar e xuntar a herba, para apañar as castañas e matar os porcos, facer os chourizos e fritilos, ao son da natureza, na tixola musical de ferro fundido.