A suba do lixo en Ribadumia

O recibo do lixo en Ribadumia está para as familias en 52€/ano. Isto non cubre custe do servizo, que se move nos 140 €/ano. Quen está hoxe pagando a diferenza entre o que chega no recibo e o custe real? Asumeo o Concello a conta da caixa común. Ou sexa, que pagamos todos e todas pero de maneira indirecta.


O próximo ano haberá un cambio importante. Por lei os Concellos deberán repercutir o custe total da xestión do lixo aos usuarios do servizo. Ademais disto, SOGAMA, pola mesma lexislación e grazas sobre todo a unha xestión nefasta durante anos, xa subiu o prezo de cada tonelada de lixo que recibe de 76 a 108 euros, case o dobre do que estaba cobrando. Como consecuencia de todo isto o recibo do lixo nos Concellos que como o de Ribadumia nestes anos non fixeron os deberes, vai subir dunha maneira brutal.


O certo é que estes cambios lexislativos non chegan de sorpresa. Fai máis de dez anos que están anunciados. E Ribadumia podería hoxe esquivar esa suba no recibo do lixo. Entre o 2015 e o 2019 , dende as miñas responsabilidades no Concello de Ribadumia fixemos, non sen atrancos do alcalde, un traballo enorme, con estudos técnicos, probas piloto como os composteiros comunitarios, reparto de composteiros no rural, formación e coñecemento de diversas solucións, todo para, con tempo e boa xestión dos recursos, poder implantar en Ribadumia fórmulas que evitarán esta suba que, insisto, era sabida que ía acontecer.


Porén, dende o 2019 non se fixo nada. A David Castro non lle parecía nin prioritario nin urxente seguir con ese traballo e por en marcha medidas na mellora do tratamento do lixo, impulsar a compostaxe doméstica no rural e a colectiva no urbano, nin mellorar a reciclaxe. “Esas cousas son malas de explicar e crean malestar” díxome nunha ocasión.


Agora a realidade peta nas caras e, por culpa desa maneira de pensar de David, na carteira da veciñanza. Estes días fálase das medidas que varios concellos da comarca puxeron en marcha para paliar cando menos en parte o pau no recibo do lixo. E que Concello non aparece por ningures porque non está facendo nada? Ribadumia.


A condena é inevitable. No 2025 a veciñanza e as empresas van levar unha suba do lixo que vai ser superior ao dobre do que pagan agora. E David Castro, que primeiro estorbou a quen queriamos evitar o pau e despois non fixo nada, culpará a outros da súa inutilidade.


Pódese evitar está suba? Xa non. Non da tempo. Pero pódese reverter, mellorar o tratamento do noso lixo e máis adiante volver a baixar o recibo. Pero para iso, o primeiro é sacar do goberno ao incompetente que asegura que nos goberna pero nin está, nin se lle espera. Non hai outra maneira.

A suba do lixo en Ribadumia

Te puede interesar