Norma Caldas é presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Moraña “O Menhir”, pero recoñece que para as compañeiras máis veteranas o colectivo segue chamándose “amas de casa”. Máis alá de nomes, saben da importancia de manterse activas e mirar se algunha delas está soa, para convidala a algunha actividade. Diso e moito máis fálanos hoxe.
Cóntenos un pouco a historia de O Menhir, como naceu?
Pois é unha asociación que o 23 de xullo deste ano fará 32 anos de existencia. Fundouse en 1992 e nunca deixou de funcionar, incluso durante a pandemia seguimos traballando. Non estivemos tan activas pero estivemos facendo mascarillas... servindo de axuda.
E por que ese nome, O Menhir?
O menhir é un nome que representa a esencia de Moraña, que ten unha calidade arquitectónica espectacular. Que vou dicir eu, que son nativa da zona! O menhir é ese monolito, o único que hai en Europa, do 2.500 a.C., que temos como emblema do noso municipio e levámolo como estandarte, de feito no escudo do Concello está representado. E tanto a asociación como o Concello levan exactamente o mesmo escudo.
Cantas socias ten a asociación?
Neste momento somos 192 mulleres, de idades comprendidas entre os 40 e os 90 anos. De feito, a antiga presidenta fixo o 31 de maio 90 anos.
Que actividades fan?
Ó longo destes 32 anos fixemos infinidade delas. Eu levo 6 ou 7 anos con elas e facemos unha media de 25 actividades ó ano: excursións, andainas, rutas marítimas, bolillos, labores...
Xusto antes amosoume o bolso que trae, que tamén os fan alí na asociación, non?
Si. E sempre levan o noso emblema, “mulleres rurais”, aínda que para as compañeiras que empezaron hai 30 anos a asociación chámase “amas de casa”.
E teñen algunha actividade que consideren emblemática súa ou que triunfe máis?
A situación da asociación mudou ó longo destes 30 anos. Inicialmente facían moitísimas excursións de moitísimo presuposto. A asociación naceu nun momento dun movemento feminino moi grande. Empezou sendo unha asociación moi potente, chegaron a ser trescentas e pico mulleres, con viaxes extraordinarias, fóra de Europa, incluso. Con axudas de ata 4 millóns de pesetas. Hoxe en día xa non é así. Adaptámonos ós tempos e a xente do rural agora mesmo non lle ten nada que envexar ás actividades na cidade. Facemos pilates, risoterapia, ioga, labores, recuperamos e reciclamos cousas que temos no rural e que hoxe en día son unha xoia da coroa...
Por que é importante que siga habendo asociacións deste tipo?
É moi importante. As asociacións son como o xerme da sociedade. Todo se move a través das asociacións. Un político debería miralo con lupa porque é ese movemento caladiño, silencioso... onde ti tes o calibre para ver e valorar as necesidades da xente que che rodea. Se hai mulleres que están soas, se están viúvas, se ó longo da semana non teñen a ninguén na casa... E poder axudar tanto moral como fisicamente para telas en activo, que é o máis importante, tamén para a lonxevidade.
Entón a asociación tamén presta axuda ás mulleres que estean en soidade?
Si, Moraña ten nove parroquias e cada vogal da directiva está distribuida nunha zona. Elas ven e valoran que necesidades hai: se esa muller está soa ou está pasando un mal momento... e chámala ou vala visitar: “Oe, que temos un curso marabilloso para ti de canalización das emocións, por que non te animas?” E igual o primeiro día vén por compromiso, pero despois queda enganchada, e iso é moi bo.
Como animaríamos entón desde aquí a que se anoten?
A min contoume unha das vogais que os primeiros anos cando ían de excursión, para as mulleres saír sen o marido era algo extraordinario, dicían: “Libres, por fin libres!”, porque era unha novidade hai máis de 30 anos. Hoxe cambiamos totalmente e a ilusión que teño é chegar ós 50 anos deste colecivo. Por iso sempre digo que depende de nós e que é importante que sigan aí. Estar na asociación merece a pena porque o compromiso humano que teñen... a verdade é que che abren as portas cos brazos abertos.
E algún outro propósito máis próximo que o 50 aniversario?
A min gustaríame que as Mulleres Rurais de Moraña foran un estandarte a nivel provincial. Cada ano a nosa vida laboral ten un título, como un obxectivo a cumprir, e este ano vai ser “Mulleres rurais de Moraña, capaces de todo”. Entón o que pido a curto prazo é que sexamos a maior asociación da provincia.
Por último, creo que tamén me quería falar do Belén artesanal.
Si. Facemos un Belén artesanal moi chulo. Empezámolo no 2018 e nel representamos, facendo todo manualmente, o patrimonio de Moraña. E contamos a súa historia mediante visitas guiadas. Cada ano sacamos unha temática diferente e este ano, vou contar en primicia para o Diario de Arousa, que o título será “Nove parroquias, nove razóns”. O ano pasado representamos 120 metros cadrados. Exponse na antiga praza de abastos, que agora se chama edificio multiusos. Convidamos a todo o mundo a que se achegue a velo porque é precioso.