Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e, entre elas, destaca unha arousana. Sara Seco (Valga, 1993) fíxose co galardón á mellor canle de Tiktok, dotado cunha partida de 1.250 euros. O xurado —conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual— destacou a Seco “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun amplo abano de colaboracións”.
Trátase da oitava edición dos premios, cuxa gala se celebrou en Narón e estivo presentada por Javi Sánchez, quen repasou a historia de Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Ademais de Seco, Exército Mekemeke fíxose co galardón na categoría de canle de YouTube; Prado Rúa acadou o Premio á Creación de Contidos; Luís do Río recibiu o Premio á Calidade Lingüística; Rebelico Revista conquistou o Premio Rede e Galiactiva gañou o Premio Revelación. O vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego, logrou pola súa banda o Premio do Público.
Finalmente, o xurado destacou “a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas”. Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ ata un total de 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, ademais de 41 vídeos, según confirmou a organización.