Alba Tomé é membro da asociación feminista vilagarciá O Soño de Lilith. A pesar de recoñecer avances sociais nos últimos anos, tamén sinala os retrocesos que observan que se están a producir. De todo isto fala hoxe con nós.
Como naceu O Soño de Lilith e de onde vén ese nome tan curioso?
Naceu en 2012, cando un grupo de rapazas quixeron inaugurar os seus 18 anos fundando unha asociación feminista en Vilagarcía de Arousa. Fíxate se foi pioneira que por aquel entón non había ningunha asociación feminista en Pontevedra. Foi fundada por Daisy Alcalde, que segue sendo a presidenta. O nome vén da mitoloxía. Lilith dise que foi a primeira muller do paraíso e que decidiu escapar das violacións de Adán, antes ca Eva, claro.
Que evolución houbo no feminismo e na sociedade neste anos?
Vemos ás xeracións cada vez máis concienciadas e que empezan a chamar as cousas polo seu nome. Eu ata que cheguei a segundo de Bacharelato non se falaba do machismo propiamente, pero agora vemos nenas con 12 anos que saben perfectamente dicir: “pois isto é machista”. Tamén vemos que en determinados momentos hai subidóns de activismo pero ó mesmo tempo vemos retrocesos, porque a raíz da chegada de Vox lexitimáronse certos discursos fascistas e machistas. Está claro que o feminismo non pode descansar, que temos que estar sempre cos ollos moi abertos. Basta unha crise económica, política, social... para que os dereitos das mulleres se vexan mermados.
Que supuxo para a asociación a retirada do patrocinio da Deputación de Pontevedra ó Festivala?
Supuxo que puxeramos enriba da mesa se facer o Festivala ou non. Festivala naceu no 2016 e dende o principio tivemos o apoio da Deputación de Pontevedra de Carmela Silva. Eran uns 14.000 euros, que para nós é case todo o orzamento. A deputada do PP, Sandra Bastos, unha vez que muda o goberno da Deputación, comprométese publicamente a continuar con ese apoio, pero non sabemos que pasou polo camiño e cando volvemos contactar dinnos que non van apoiar Festivala. Propóñennos optar a unhas subvencións que serían menos da metade do que nos daba o goberno anterior e non se adxudicarían ata xuño, que é o mes no que celebramos o Festivala. O vindeiro ano tampouco contaremos con ese apoio. Dános moita mágoa.
Que recepción ten en Vilagarcía?
Cada vez é mellor. A Praza da Segunda República queda cada vez máis pequena. Nos primeiros anos faciamos unha feira nesa mesma praza pero agora necesitamos ese espazo e imos ter que desprazala. Vén xente de toda Galicia e o noso cartel, a parte de artistas locais, tamén ten traído artistas internacionais como Kumbia Queers. Non podemos estar máis contentas de ver como medra.
Como imos de feminismo en Vilagarcía?
Imos ben pero poderiamos ir moitísmo mellor. Vemos que custa moito acudir a concentracións por asasinatos machistas. Moitas veces somos dúas termando dunha pancarta. Pero despois hai datas como o 8M ou o 25N que si que vemos que hai máis multitude.
"Estamos totalmente habituadas a que nos chamen
“feminazis”, digan o de “chiringuito feminista” ou pinten insultos"
Que outras actividades fan?
De todo tipo. Dende puntos lila, obradoiros de igualdade, cineclube... Agora para o 25N imos contar con Coral Herrera, xornalista especializada en relacións amorosas, que vai facer un taller chamado “As mulleres que xa non sofren por amor”. Tamén facemos presentacións de libros, cafés feministas...
Que cren que debería facerse dende as institucións para loitar contra a lacra da violencia machista?
Investir en educación. De todas maneiras, hai que recoñecer que ó longo de todos estes anos si que naceron leis que protexeron ás mulleres moitísimo máis.
E cren que a lei do “Solo sí es sí” mellorou a sit
uación das mulleres vítimas de agresións sexuais?
Cremos que é positiva porque amplía o abano das agresións sexuais, eliminando ese “abuso sexual” que constaba na normativa antiga. Cremos que si foi un a
vance e que o Ministerio de Igualdade de Irene Montero fixo grandes avances na normativa feminista e que foron recoñecidas a nivel mundial.
Como valoran movementos como o “body positive” para que as mulleres queiran os seus corpos tal e como son?
Agradécense un montón pero o capitalismo ten unha man moi grande e é moi difícil loitar contra iso. A industria da estética é moi agresiva con todas nós, e tamén a alimentaria. Vemos nos medios se critican os corpos das mulleres.. estamos moi contaminados. Agora tamén coa normalización dos retoques estéticos dende idades moi temperás, hai nenas con 16 anos desexando cumprir a maioría de idade para poñer peito ou bótox. E tamén hai que sinalar a diferencia entre a presión estética que teñen os homes e as mulleres.
Reciben moitas críticas como chamalas “feminazis” etc?
Si, totalmente (ri). De feito a raíz da participación no pleno vimos comentarios como o de “o chiringuito feminista” (ri) E nalgunhas edicións de Festivala aparecen pintados os cartaces con insultos. Estamos totalmente habituadas.
Que resposta teñen para os que din “nin machismo nin feminismo”?
Que o feminismo é a igualdade e deberiamos descartar xa ese tipo de afirmacións, porque non fan máis que revelar unha ignorancia por parte de quen o di. O feminismo loita contra todas as discriminacións que sofren as mulleres e ten que ser interseccional.