O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle este sábado a partir das oito da tarde unha das propostas máis arriscadas do grupo Chévere, un dos grandes referentes das artes escénicas en Galicia e Premio Nacional de Teatro 2014. A compañía desembarca na cidade coa obra “Hellen Keller, unha muller marabilla?” na que, partindo da historia real dunha americana famosa por ser a primeira muller xordo-cega que obtivo un título universitario, propón unha reflexión sobre a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes. Chévere explora as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Daí que o grupo integre na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua dos signos. O fío condutor do espectáculo é Helen Keller, nacida en Alabama no 1904 e que se converte nunha celebridade mundial ao ser a primeira persoa xordo-cega en obter un título universitario en Harvard. A parte da súa vida que fica na memoria colectiva é a de que era un exemplo de superación da discapacidade.
O prezo da entradas para asistir ao espectáculo é de 5 euros e poden adquirirse a través de ataquilla.com.