Julio Torrado móvese na política local como peixe na auga, a pesar de que o seu sitio no día a día está no Parlamento de Galicia. Unha vez máis será o encargado de coordinar a campaña electoral de Alberto Varela co reto de conseguir preservar unha maioría absoluta que os socialistas acadaron hai xusto catro anos. O vilagarcián fala de presente, sobre o seu traballo no Hórreo e atrévese a mollarse sobre predicións electorais na comarca.
Quedan só catro meses para as eleccións municipais, pero parece que todo segue moi parado...
É posible que exista esa sensación. Nós –e inclúome porque me sinto parte deste goberno local– estamos involucrados en cousas de xestión e menos implicados en termos de campaña. Os outros partidos están tendo dinámicas internas un pouco complicadas e, sexamos realistas, a iso súmaselle a tendencia electoral que en Vilagarcía está máis ou menos clarificada. Eu creo que ninguén dubida a día de hoxe que Alberto Varela vai ser o próximo alcalde e é difícil facer unha campaña cando tes o resultado en contra de antemán.
Falaremos máis adiante da oposición. O que está claro é que o PSOE ten como reto en Vilagarcía manter a maioría absoluta. Algo que ninguén conseguiu ata o de agora...
Si, a historia di que en Vilagarcía ningunha maioría absoluta se repetiu. Tendo en conta que temos ao PP como partido de dereitas e en fronte tamén a moitas forzas que se supón que pelexan por votos na esquerda... O normal sería na nosa posición que non mantivésemos un impacto electoral tan potente mantido no tempo, pero eu creo que o reto ten que ser manter esa maioría.
Vamos, veno como algo moi posible...
Si, pero tamén o vemos difícil porque os gobernos desgastan e as maiorías tamén. Tamén digo que non vemos a ninguén cunha idea alternativa do que ten que ser Vilagarcía. Hainos que si, que coa cercanía da campaña mandan notas criticando cousas todos os días, pero hoxe é X, mañá Z e pasado W. Non hai un sentido global. Nós temos algo que ofrecer, con posibles melloras, e iso transmite confianza e seguridade á cidadanía.
O candidato está claro que será Varela, pero este leva un equipo. Á hora de configurar as listas vaise apostar pola mesma xente? Vai haber cambios drásticos?
O noso esquema de traballo plantexa que as listas se elaboran entre partido e candidato. Eu non creo que vaia a haber discrepancias e o normal é que o equipo tenda a ser claramente continuísta. Iso, por suposto, tendo en conta tamén cuestións persoais ou algúns acordos que existían de persoas que non querían seguir máis de certo tempo. En todo caso o equipo ten que ser continuísta porque está apoiado e así o percibimos.
Imos falar directamente de nomes. Hai un claro malestar dende hai xa uns meses coa xestión do concelleiro de Deportes, Miro Serén. Vaise dar un xiro nesta área tal e como piden os clubes?
Eu entendo que poidan existir críticas e posicionamentos diversos. Tamén teño a percepción de que hai algunhas veces que se fai crítica como se algunhas decisións políticas que poden tomarse ou non fosen de repente e se poidan deixar caer milleiros de millóns en subvencións directas. Iso non é así, o carto público é o que é. Non hai que confundir modelos de xestión con financiación para clubes. O que está claro é que as eleccións foron dando un apoio maioritario ao actual goberno, así que non teño claro que poidamos falar de maiorías ou enormes voces críticas no ámbito deportivo. Ás veces hai xente que ten a sensación de ser máis aglutinador da opinión pública do que o é.
Eu non creo que vaia haber discrepancias na lista e o normal é que o equipo tenda a ser claramente continuísta. Ten que ser así porque está apoiado e así o percibimos
Fala de percepcións. Notan cambio de sensación na rúa respecto de hai catro anos e no que se refire ao traballo que se fai dende o goberno local?
Non me gusta falar de “herencia recibida”, pero hai catro anos presentabámosnos ás eleccións despois dun mandato tentando recuperar tendencias que estaban alicaídas no goberno anterior. Agora a avaliación é co noso primeiro mandato, somos vítimas de nós mesmos, de telo feito moi ben e a esixencia de seguir facéndoo moi moi ben. Claro que hai críticas, pero basicamente porque hai unha comparación co que fixemos antes. Tamén penso que esas críticas non van condicionar decisións electorais graves, pero tamén penso que deben ser escoitadas.
Como afrontan esta campaña, vendendo o traballo feito ou o que aínda está por vir?
Pois as dúas cousas. Hai catro anos tratamos de ensinarlle á xente que isto é o que prometemos cando nos presentamos e que isto é o que cumprimos, o rendemento de contas na súa pura evidencia. Penso que hai consecucións deste goberno que hai que poñer en valor. Canto tempo levabamos falando dun novo centro de saúde? Era unha reivindicación histórica e vai haber un centro de saúde como ten que ser e no lugar que ten que ser, pese a que a Xunta tardase 11 anos en entendelo e o PP local siga tentando boicotealo. Tamén a mellora da EDAR, a conexión da cidade co AVE a Madrid... Hoxe en día na política a xente demanda fiarse do que lle prometen, e nós somos xente de fiar.
O modelo de cidade foise definindo coas peonalizacións, os carrís bici... Neste mandato que está por vir O Ramal establécese como un dos obxectivos, non?
Si, quedábame iso. Creo que no pasado en Vilagarcía houbo un erro. Eramos unha vila mariñeira que perdeu o contacto co mar. Agora estamos falando xa de abrir a cidade ao mar. Hai un proxecto clarísimo de recuperación do espazo para os cidadáns. Prometémolo e cumprimos. Costou dous mandatos sacalo adiante, pero aí está.
O cambio de presidencia no Porto marcou ese entendemento entre as dúas administracións, ou iso se apreciou publicamente.
Eu en cambio fago unha interpretación ao revés. Vilagarcía é un lugar bastante boicoteado pola Xunta. Nós entendemos dende o primeiro momento que máis alá dun debate entre as administracións tiña que haber un debate público sobre as cuestións que viamos que en Vilagarcía eran importantes. No que corresponde ao Porto non é que interprete que o cambio facilitou que existise outra política, senón que o debate público gañámosllo claramente nós á Xunta e ao PP. Cando socialmente o tema do centro de saúde da comandancia ou a apertura do Ramal foi imparable, o PP cambiou de postura. Certo que esta presidencia do Porto foi facilitadora, e hai que recoñecelo.
As eleccións foron dando un apoio maioritario ao actual goberno local, así que non teño claro que poidamos falar de maiorías ou enormes voces críticas no ámbito deportivo
Falaba antes do Partido Popular. Como o ven como rival?
O PP sempre é un rival político e iso é indiscutible. É certo que en Vilagarcía está nunha situación complexa, que respeto porque a todos nos pasou nalgún momento. Están nun proceso de construción dun proxecto en torno á súa candidata. O que si vexo é que ese proxecto o están facendo a catro meses das eleccións e iso conleva certas complexidades. Eu o que lles pido é que sumen, que estean nos debates para aportar.
Vamos a abrir o escenario de que Alberto Varela perde a maioría...
É difícil poñerme nese caso.
Pois nese caso o aliado natural sería o BNG, que nestes momentos está sen candidato.
Eu respeto as dinámicas internas dos partidos. Nós traballamos para repetir a maioría absoluta e se con alguén temos que facer ese traballo é cos cidadáns. É unha resposta de manual, pero é a que é.
En Vilagarcía veo claro, pero que perspectivas ten o PSOE para o resto do Salnés?
Esta é unha comarca na que o PP tivo sempre unha presenza moi potente e agora, froito dun traballo sensato, os resultados son distintos. En O Grove eu penso que Cacabelos está facendo un bo labor. Eu sinceramente alí non sei quen está na oposición. Eu creo que Cacabelos rompeu barreiras nun sitio con tendencia aos multipartidos e a ser moi críticos. Está claro que a súa candidatura é o único proxecto serio que hai no Grove. Na Illa colle agora Luis Arosa o relevo despois dun gran traballo feito por Carlos Iglesias. Vexo a Marta Giráldez moi forte en Meis e que vai obter moi bos resultados.
Algo lle pasa ao goberno autonómico que aos desta comarca non nos dá entendido ben
E en Cambados?
Cambados é un sitio complexo, pero vexo a Samuel moi feito ao seu labor como alcalde. Foi un sitio no que o relevo se produciu de forma moi natural. Eu penso que hai que reducir os egos en política e en Cambados pasou. Fátima Abal dou o paso, tendo en conta que sufriu o que para min foi unha indigna campaña por parte do PP no persoal. Hai que desdramatizar os cambios e eu vexo a Samuel como alcalde de Cambados. Non vexo a ninguén en fronte.
Que o PSOE sexa a lista máis votada en Cambados parece complicado...
É complicado ser a lista máis votada, pero non é complicado subir de votos. Non creo que haxa alternativa a Samuel con consistencia. Vexo algúns egos, algunha tendencia... pero esa Alcaldía ímola ter.
Están as prazas difíciles de Vilanova e Sanxenxo...
Si, Vilanova é unha praza difícil, pero temos unha boa candidata en María Vales e –volvo de novo ao mesmo– no plano moral non hai comparativa. Creo que hai barreiras na política que non se deben saltar e que o alcalde de Vilanova as saltou todas, varias veces e facendo exaltación diso. A pena é que Durán sexa o referente do PP na comarca.
Está tamén Telmo Martín.
Telmo é o referente de Telmo. Está co PP porque a xente de negocios sempre se entende entre eles. Ainhoa Fervenza ten unha boa candidatura e hai que recordar que o PP perdeu a Alcaldía alí hai un tempo. Telmo chegou de volta como chegou, e ninguén nos contou canto valeu iso. Dende logo eu se fose Telmo non estaría tranquilo.
Así que ve ao PSOE de novo gobernando a Deputación.
Non teño ningunha dúbida de que Carmela Silva vai ser presidenta. Eu creo que o único debate é se o vai ser con maioría ou non.Quen viu a Deputación e quen a ve agora... Tiñan caspa ata os sofás. Agora as ventás están abertas, ventílase e hai luz e taquígrafos.
Está moi presente na política comarcal, pero o seu papel é como deputado no Parlamento galego en donde, por exemplo, está levando as protestas da cidadanía pola cuestión sanitaria.
A situación da sanidade é moi problemática, porque se arrastran dez anos de malas decisións políticas que nos traen ata aquí. Todos sabiamos que estes anos ía haber un montón de xubilacións. A Xunta anuncia constantemente que van a vir médicos, pero a realidade é que no Albariño non os había, no Atlantic Fest tampouco e o mesmo en moitos días do verán e tamén do inverno. Xa non valen excusas. Nós o que pedimos é un plan extraordinario de contratacións con condicións dignas.
A lexislatura da Xunta está marcada pola sanidade e polo mar, que en Arousa ten unha importancia relevante.
Hai un fío condutor nas decisións políticas, que é a incapacidade de recoñecer un problema. E iso é algo que lles pasa á Xunta de Galicia e á Consellería do Mar. Cando os escoito falar de que non hai problemas co marisqueo penso se vivimos no mesmo país. Agora estamos cun paro biolóxico no libre marisqueo con axudas e só para o sector de a flote. Por que non para o de a pé? O mesmo coas decisións que se toman coa mexilla. Algo lle pasa ao goberno autonómico que a esta comarca parece que non nos dá entendido ben. É algo estraño.