Nace Abázcaro para promover o teatro en Vilagarcía

Nace Abázcaro para promover o teatro en Vilagarcía
A primeira obra de teatro que representaron

Abázcaro nace en Vilagarcía co obxectivo de promover o teatro e outras actividades culturais. Preséntase esta noite no Piñeiriño, no local social Breogán a partir das 21:30 horas, para explicar a todos os interesados as vantaxes que ten facerse socio.
 

Foi a raíz dun obradoiro de teatro, neste caso de David Seixo, como se coñeceron varios dos seus directivos, que puxeron en marcha primeiro un grupo para facer a obra ‘Dantescos’, todo un éxito que pronto lle solicitaron desde outros concellos como Vilanova e que a día e hoxe aínda seguen a representar. Pronto uníronse máis afeccionados ao teatro e foi así como xurdiu a idea de facer unha asociación. “A intención é que sexa de ámbito galego, non só de Vilagarcía”, comenta Fernando Fernández, un dos seus promotores. 

 

Aínda que os trámites son complexos, xa está montada e disposta a funcionar. O teatro será o seu punto forte, pero Fernández explica que tamén teñen previstas outras actividades, como roteiros culturais, clubes de lectura ou obradoiros de iniciación ás representacións sobre táboas.
 

A cota anual xeral dos socios será de vinte euros, a través da cal terán acceso a estas iniciativas, pero tamén aos gastos de desprazamento en caso de representar unha obra fóra do municipio. Os nenos, ademais, pagarán dez. Abázcaro xa ten tres obras, con guión propio, e, en abril, levarán á Sala Cream ‘Aquí as fabas a caldeiradas’. Non renuncian aos clásicos nin ao drama, aínda que polo momento están inmersos na comedia, que é o máis solicitado. Toda a información, hoxe na reunión do local do Piñeiriño.

Nace Abázcaro para promover o teatro en Vilagarcía

Te puede interesar