O Circo Pinocho, con malabaristas e todos os números que se poden ver nas máxicas carpas, desde a corda frouxa ao trapecio ou a suspensión capilar, chega a Vilagarcía o próximo 4 de abril. Estará dez días (ata o 13), no Ramal, nunha carpa con capacidade para medio milleiro de persoas e pola que tamén poderán pasar as mascotas ("un circo sen animais pero para animais", explicou Sonia Outón, concelleira de Cultura).
É, ademais, o soño feito realidade de Pinocho, o boneco de madeira que se converteu en neno. Ninguén sabe como segue a historia ata que Educateatro Producións, a compañía tras este máxico evento, desvelou o gran secredo: Montar un circo era, realmente, o que quería o ex-monicreque e agora chega coa súa fantasía ao Ramal.
É o primeiro circo en galego de Galicia, do que forman parte unha quincena de profesionais (oito na pista), no que a diversión está garantizada, pero tamén a fantasía. "É unha gran oportunidade para desfrutar desta aposta tan divertida, que lle dá unha volta ao clásico", apuntou Sonia Outón , que compareceu acompañada por Geppeto, Pinocho e Xandre Vázquez, productor do espectáculo.
"Pasarán cousas que farán que os nenos teñan que participar e axudar ás personaxes", destacou Vázquez, que explicou que levan facendo rodar o circo desde outubro e que xa estiveron nas catro provincias galegas. Vilagarcía xa contou, en máis ocasións, con espectáculos de Educateatro, como 'A caperuchiña vermella' ou 'Os tres porquiños', pero é a primeira vez que chegan en formato circense.
Oas funcións serán o venres ás seis e media da tarde, o sábado ás cinco y o domingo ás doce do mediodía e ás cinco da tarde.
As entradas xa están dispoñibles, pero o prezo variará segundo o día da función: "O circo está destinado a tódolos públicos, non queremos que os cartos sexan un problema". O venres 4, o día da estrea ás 18:30h, haberá unha rebaixa de cinco euros, polo que o billete en grada custará 10 euros e 15 en palco. O sábado, haberá dous pases, ás 17:00h e ás 19:30 con entrada xeral a 15 euros, 20 en zonas reservadas. Por último, o domingo o ‘show’ será ás 12:00 horas, cun desconto de 3 euros e ás 17 horas, de novo con entradas a 15 e 20 euros.