Moita calor e, tamén, debate acalorado no que foi un dos plenos máis importantes do ano en Vilagarcía. Os acordados votos positivos de PSOE e BNG permitiron sacar adiante unhas contas que o alcalde, Alberto Varela, volveu a definir como “potentes e boas para unha Vilagarcía que avanza”.
O debate non aportou demasiadas cousas novas, dado que non se responderon cuestións plantexadas dende grupos como o de Esquerda Unida sobre cal vai ser a percepción económica tanto do cargo de confianza do BNG como do asesor de protocolo do PSOE. No que si incidiron tanto EU como PP é no “mercadeo de postos” nunha “negociación que non se entende, dado que o debate das liberacións tería que terse dado hai un ano e non agora, a cambio dos orzamentos”. Con estas palabras se mostrou Juan Fajardo en contra dunhas contas que, entende, “non son realistas” e un PP, con Ana Granja como voceira, que advertiu de que “non ten sentido endebedarse máis pedindo outro préstamo cando en orzamentos anteriores o goberno local deixou millóns de euros sen executar”.
Foron os postos de confianza a estas alturas do mandato e “a falta de transparencia” –segundo EU e PP– neste senso os que provocaron máis tanto a BNG como a PSOE. O nacionalista Xabier Rodríguez defendeu o contar “con unha persoa de apoio para o noso traballo de fiscalización da oposición” e fixo valer o acordo asinado co rexedor socialista enumerando as case 90 propostas que este inclúe. “Por que imos apoiar? Pois por todo isto, que responde ás demandas da cidadanía”, recuncou o voceiro.
Pola súa banda a portavoz do goberno, Tania García, optou por falar de números e duns orzamentos “moi potentes”. Sinalou o incremendo de partidas en todas as áreas, facendo especial fincapé na de igualdade, servizos sociais e axudas aos máis vulnerables. “Dende que chegamos ao goberno incrementáronse nun 90 % as cuantías a atención social, e aínda así non son suficientes, pero seguimos nese camiño”, manifestou.
A conservadora Ana Granja lamentou que “se nos convocase ás reunións para facernos perder o tempo, porque non tiñan pensando negociar nada” e indicou que “á miña idade xa non estou para que me tomen o pelo, se me van convocar para tomarmo, non me chamen máis”. Ademais de incidir no tema do endebedamento –no préstamo de cinco millóns de euros que pedirá o Concello para investimentos– a popular recriminoulle ao BNG a “falta de coherencia”. “Vostedes que van tan de puristas non se escandalizan de que se faga un posto de confianza para protocolo en vez de convocar a praza da RPT para emprego público?”, apuntou a conservadora.
Tanto nacionalistas como socialistas acusaron a EU e a PP de “facer pinza” e Tania García defendeu que “a alianza e negociacións entre PSOE e BNG é algo natural e que a cidadanía entende”. Foi o alcalde o que volveu a insistir na importancia das contas xa aprobadas para “que Vilagarcía siga avanzando” e defendeu a petición do préstamo para investimentos para “non ter que subir as taxas e impostos aos veciños, como non fixemos por oitavo ano consecutivo”.
Tal e como figuraba no pacto para o Presuposto de PSOE e BNG será a nacionalista Rosa Abuín a que ocupará o posto que, ata o de agora, tiña Lino Mouriño no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Así se fixo efectivo na sesión plenaria na que tanto Esquerda Unida como Partido Popular mostraron a súa “solidaridade” co socialista por –sinalou o esquerdista– “ter quedado fóra das liberacións e agora do Porto cando é o que máis traballa cumprindo os horarios”. Varela defendeuse apuntando a que “non fai falla que defendan a Lino Mouriño que xa sei eu da súa valía” e advertiu que podería ter quitado ao representante do PP, pero que “eu cumpro cos acordos”.
O Pleno dá o visto bo a unha ordenanza para controlar as vivendas turísticas |
O Pleno da Corporación (cos votos positivos do PSOE, BNG e EU) deron o visto bo a unha moción dos nacionalistas para a creación dunha ordenanza municipal que regule as vivendas turísticas no territorio e que, incluso, contemple unha taxa para o seu funcionamento. Os partidos da esquerda mostraron una postura moi contraria ao bloque da dereita –o PP votou en contra– cuxo voceiro, Juan Andrés Bayón, incidiu en que o que pretendía a moción do BNG era “unha cacería” contra as vivendas de uso turístico. “As que están no rexistro da Xunta só supoñen pouco máis do 1,9 % das vivendas totais da cidade”, incidiu. Aproveitou o debate para insistir na necesidade de aprobar o PXOM “para dotar de bolsas para construción de vivendas de uso residencial”. O texto aprobado na sesión plenaria aceptou unha enmenda dos socialistas que matizaron a redacción do BNG e incluíron na moción que para frear o aumento dos prezos do alugueiro “o Concello realizará inspeccións pertinentes para aquelas vivendas de uso turístico das que se teña constancia do incumprimento das condicións de accesibilidade, habitabilidade, seguridade e demais normativa de aplicación”. Na súa intervención o esquerdistas Juan Fajardo pediu ao goberno local máis implicación á hora de crear vivenda pública e insistiu en que existe un problema grave cos alugueres na cidade. Un punto no que coincide co BNG. Foi o alcalde, Alberto Varela, o último en tomar a palabra para pedir “rigor” ao PP e sinalar que “o actual PXOM contempla bolsas de sobra para edificar”. Respondeu a EU incidindo en que o tema de vivenda non é competencia municipal e comprometeuse a dar cumprimento ao acordo. |