A quinta edición do concurso literario das Letras Galegas organizado pola Mesa das Verbas en colaboración co Centro Comercial Arousa xa ten gañadores. O xurado estima que Tere Briones e o seu relato “Vaste sen facer ruído” é o mellor dos presentados ao certame na edición deste ano. O segundo premio leva o nome de Mercedes Suárez González polo seu poema “O meu aquel”, mentres que o terceiro recae en Alba Sánchez Ares pola súa epístola “Borboriñado”. A asociación cultural entregará os premios aos agraciados o xoves 16 (véspera do Día das Letras Galegas) nun acto que terá lugar ás seis da tarde na sala de usos múltiples do Centro Comercial Arousa. Segundo as bases do certame o primeiro premio está dotado con 400 euros, máis 100 en vales de compra no centro comercial. O segundo son 300 e un vale de compra de 50 e o terceiro ten unha dotación de 200 euros cun vale de 25. Todos os galardoados recibirán un diploma acreditativo.
Será aí cando os membros da Mesa das Verbas nomearán como socio de honra ao director do centro comercial Luis González de la Ballina, ao que tamén se lle entregará o pin da asociación.
A Mesa das Verbas decide entregarlle este distintivo ao director do establecemento comercial polo seu apoio incondicional durante anos ao traballo que o colectivo cultural realiza, facilitando non só as instalacións para as súas reunións periódicas, senón tamén contribuíndo nos diferentes certames (con premios) que a Mesa das Verbas organiza ao longo de todo o ano.
Cabe recordar que, por exemplo, o certame literario que sempre se organiza con motivo do día das Letras Galegas sempre contou co apoio do Centro Comercial Arousa, daí que o colectivo cultural aproveite esta data tan sinalada para eles. Non é o único, dado que o negocio tamén apoio outras propostas dende hai xa anos.