A poeta vilagarciá Andrea Fernández Maneiro segue a sumar galardóns e recoñecementos. Medulia Editorial aproveitou a conmemoración do Día das Letras Galegas para facer público o fallo da cuarta edición do premio Eduardo Pondal de poesía. A obra galardoada é o libro “Voto de silencio”, no que a autora debulla as diferentes vivencias que se experimentan durante o proceso educativo nun colexio de monxas. Non é –como aclara a propia poeta– un poema que bebe unicamente de vivencias persoais, senón que a obra conta tamén cunha parte fabulada. A educación sesgadas, o feito de que as nenas fosen dirixidas cara unha determinada aprendizaxe ou a propia vivencia dentro da escola son algúns dos temas que se tratan no poemario “Voto de silencio”.
O xurado do premio promovido por Medulia Editorial coincidiu por unanimidade en darlle o máximo galardón ao poemario de Andrea Fernández, presentado baixo o título de “A xoaniña na eira de pampullos”.
De vocación e profesión locutora de radio, é autora, entre outros libros, de “Delirium”, “Álxia”, “Migratoria” e recentemente “Edénicas”, Premio Poesía Erótica Illas Sisargas.
Nesta ocasión o premio non conleva ningunha dotación económica para a gañadora, que si contará coa publicación da obra premiada. Así pois –e como non podía ser doutro xeito– será a propia editorial Medulia a encargada de darlle vida en formato físico a “Voto de silencio”.
Ademais dunha obra prolífica a autora vilagarciá ten participado en lecturas públicas dos seus poemas en eventos non só na comarca do Salnés, senón por toda Galicia. O seu nome xa é recoñecido no mundo das letras e, en especial, da poesía.