Un século dá para moito. A José Rey Moure deulle para 220 páxinas, as mesmas nas que repasa os primeiros cen anos de historia da Sociedade San Antonio de Padua, colectivo organizador das festas que se celebran en Catoira a segunda fin de semana de xullo. A data clave é 1908, o ano do xermolo da sociedade, se ben as festas de San Antonio de Padua remóntanse a finais do século XIX. A súa orixe “hai que buscala na gratitude do pobo ao santo milagreiro”, por liberar á vila dunha “espantosa peste que aniquilaba o gando vacún”, relata Moure, actual presidente da entidade, cargo que xa ocupara nunha primeira etapa entre 1956 e 1992.
Foi José Coira Castaño quen, en 1908, promoveu a creación dun colectivo que tomase as rendas dos festexos, aínda que non abonda documentación daqueles primeiros anos, nos que a presidencia era rotativa. Os rexistros que se conservan comezan no 1916, cando se pon á cabeza da sociedade José María Moure Cancelo, avó de José Rey Moure. Doce pesetas pagaban os socios de cota anual para organizar unhas festas que se iluminaban a base de farois de papel con candeas e que tamén se financiaban con poxas de centeo, polos ou viño.
O libro, ilustrado con oitenta fotografías de distintas épocas, repasa as actividades festivas, os cartos que se manexaban para sufragalas e moitas anécdotas. Por exemplo, aquel ano 1928 no que a Sociedade San Antonio de Padua tivo que pagar a cea da parella da Garda Civil que acudiu a poñer orde nas festas. Ou cando, en 1930, unha chuvia torrencial impediu actuar aos famosos (e caros) gaiteiros de Soutelo, que tiveron que volver ao ano seguinte para que o público se desquitara. Foi nesa época cando se fixeron por vez primeira carteis anunciadores das festas, aínda que a posteriori houbo outra iniciativa promocional máis chamativa á par que exitosa: o reparto de caixas de mistos coa propaganda das festas e, no seu interior, o cantar de San Antonio: “San Antonio de Catoira, casamenteiro das vellas; por que non casa-las mozas, por que non casa-las mozas, que mal che fixeron elas”. A música foi sempre parte esencial destes festexos (que só deixaron de celebrarse dous anos, o 37 e o 38, a consecuencia da Guerra Civil), sobre todo as bandas. Por Catoira pasaron as mellores. José Rey Moure lembra especialmente a edición de 1949, que define como “apoteósica” e “multitudinaria” polo tirón das bandas de Ribadavia e Lantaño. “A xente viña en camionetas, era curiosísimo”, comenta sobre unha época na que os turismos aínda se vían pouco. Tamén Ana Kiro actou na alameda da vila, recinto que se acondicionou por iniciativa da sociedade en 1922, cando José María Moure era, á vez que presidente, alcalde de Catoira. O cura da época, Baldomero Casal Sayáns, aportou as árbores, que se prantaron a unha distancia de dez metros unha da outra.
Co paso dos anos fóronse introducindo no programa festivo novidades, como a Festa da Solla (que se celebrou por vez primeira en 1978) ou as orquestras. “Tardamos en traelas, ata que non houbo máis remedio. Pero sen tolear, orquestras baratas, que aquí locen máis. Á Panorama non a queremos”, di o autor do libro, do que se editaron 300 exemplares. Pola contra, tamén foron caendo no olvido tradicións como a elección da Raíña das Festas (Margarita Casal Loureiro, da parroquia de Abalo, foi a precursora no 1978) ou a carreira pedestre, que este ano podería recuperarse coa súa décima edición. n