O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta vai crear un novo programa de retorno de investigadores galegos no exterior, para “completar a maior aposta polo talento” realizada en Galicia. O programa Retorna Talento I+D, cuxos detalles se concretarán nos próximos meses, busca atraer a investigadores galegos “excelentes” que traballan no exterior e que desexan “regresar a Galicia”.
Así o explicou o conselleiro durante a súa comparecencia no Pleno do Parlamento, a petición propia, para informar das liñas estratéxicas da Xunta en materia de I+D+i. “As liñas centrais teñen como obxectivo converter a Galicia nun polo de referencia en investigación e innovación e fortalecer o tecido científico e empresarial”, expresou Rodríguez, que presumiu de que hoxe en Galicia “hai máis talento científico que nunca”.
O conselleiro sinalou que o talento, xunto á transferencia de coñecemento, a potenciación do territorio e os servizos públicos e a especialización intelixente, son as prioridades do Goberno de Alfonso Rueda.
Así mesmo, lembrou que Galicia incrementou no últimos cinco anos nun 21% o número de persoal dedicado a actividades de investigación, ata alcanzar case os 14.000 profesionais e que Galicia sitúase, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, como a primeira comunidade en crecemento de investimento en I+D, un 28% máis, o que supón case o dobre da media española.
Segundo expresou, en 2009 o investimento en I+D por persoa era de 189 euros e agora sitúase en 356 euros; mentres que o gasto en I+D sobre o PIB creceu do 0,92% ao 1,25%.
Ademais de anunciar o programa Retorna Talento I+D, Rodríguez avanzou que a Xunta intensificará o apoio aos investigadores postdoutorais que queiran optar ás convocatorias Marie Curie da Unión Europea (UE), paraampliar as súas oportunidades e crear “unha bolsa de investigadores distinguidos” que, posteriormente, poidan optar ao programa Oportunius.
Tamén destacou o apoio da Xunta ás persoas que soliciten as bolsas Ramón e Cajal da Axencia Estatal de Investigación e puxo en valor a creación da nova Fundación Galtia, coa que se aspira a captar 30 científicos de prestixio no próximos cinco anos.
Con todo, desde a oposición, tanto o PSdeG como o BNG criticaron as políticas da Xunta nesta materia, que tacharon de “propaganda”, xa que son “extensión” doutros programas que xa existían e en moitos casos están financiados polo Goberno central.
Desde o PSdeG, Julio Abalde reclamou “unha senda de financiamento estable”, a longo prazo; e criticou ao PP polos recortes en ciencia entre 2010 e 2018.
“Os proxectos que trae hoxe aquí son só unha pequena evolución dos que xa había”, reprochou. Pola súa banda, a nacionalista Olalla Rodil reclamou “un gran pacto pola ciencia” e acusou á Xunta de “copiar” unha iniciativa do BNG, como é a creación dunha fundación galega da ciencia, que foi “rexeitada varias veces”.
Así mesmo, Rodil pediu “un maior financiamento”, xa que en relación ao PIB, os últimos datos revelan que Galicia sitúase por baixo da media nacional (1,49 %) e da UE (2,3 %).