Carlos Andrade é o novo presidente de Xironsa, aínda que pendente de finalizar trámites administrativos. Leva vencellado á asociación dende 1994 e agora toma o relevo, algo “forzado”, pero cheo de ilusión.
Como xurdiu a oportunidade de que tomase vostede o relevo?
Houbo un cambio de presidente porque é obvio que el é político (Liso González) e non pode estar dentro da asociación. Entón elixíronme a min, aínda que non quería (ri). Máis que nada por collela así tan rápido, pero buscaban unha persoa que tivese algo de coñecemento xa dentro disto. E logo tes que ter unha capacidade de ter tempo e eu pola miña profesión, que mo permite un pouco, pois aí estamos, botando unha man.
Cal sería o principal obxectivo a conseguir nesta nova etapa?
Sigo coa mesma ilusión que tiven ó principio, que é que a asociación se vexa, que esteamos facendo unha cousa que á xente lle guste. Non pretendo poñela aí arriba porque non somos Revenidas, por dicir algo, pero si que se nos faga ver. Temos unha grande cantidade de seguidores nas redes sociais, a xente recoñécenos, gustamos e aí é onde queremos traballar.
Unha das actividades máis recoñecidas que fan é o Festival Xironsa, que o ano pasado non se puido celebrar. Cóntenos como o viviron.
Nós viñamos do que foi aquel festival tan grande con Herdeiros da Crus, pero para facer algo así, economicamente é moi difícil porque se gasta moito diñeiro. Contamos co comercio local, que nos apoia moitísimo, pero necesitamos algún tipo de financiación á parte. Entón houbo un baixón por parte das administracións e quedamos un pouco atrancados porque nós non podemos afrontar ese gasto. Quedamos coa comida de Xironsa e pouco máis.
Este ano vaise facer o Festival?
Si. Agora pretendemos relanzalo, ter un día ou dous, pero non volver a facer o que faciamos. Unha das cousas que cambiamos foi a data, porque estabámolo facendo en agosto e sempre nos viña un pouco tarde. Entón decidimos cambialo a xullo, cando xa hai vacacións, aproveitamos máis a luz... e se todo vai ben o 6 de xullo estaremos aí.
E que nos pode adiantar?
Pretendemos pola mañá ter un par de grupos, facer pasarrúas e ter un pequeno concerto en colaboración coa Banda de Música de Ribadumia. Despois a comida e, pola tarde, pois un circo ou algo así, a parte da actuación de Xironsa. Xa pola noite, dous grupos, que aínda non temos pechados, un de nivel galego e outro local, para acabar sobre a unha da mañá.
Por que é tan importante para vostedes seguir facendo o Festival?
Para nós significa que estamos dando un paso sempre coa cultura na man. Xironsa sempre tivo como obxectivo ter á xente ocupada, entretida, darlle formación...e iso dá unha sensación familiar. Nós temos xente desde Vilagarcía a O Grove, que é moita distancia; temos xente desde 4 aniños ata 83; homes e mulleres... E facer esta festa, onde todo o mundo poida desfrutar, é o que queremos conservar, que haxa esta unidade e que a xente se siga formando nisto porque se estás dando cultura sabes que estás quitando problemas da rúa.
Entón pódese empezar a aprender de maior tamén?
Si, si. Hai xente que está empezando despois de xubilarse. Está saíndo xente moi boa que ata formaron grupos, pero hai quen vai por aprender un pouco, facer unha furanchada de vez en cando e pasalo ben, en vez de estar no sofá.
Como se distribúen estas clases?
De martes a venres todos os días hai clase, en varios horarios ata as once da noite. Vaise facendo por idade e por progreso. Temos baile, gaita, pandeireta, canto... Cada unha co seu profesor.
"Este ano si haberá Festival pero non voltaremos facer o que faciamos antes. Se todo vai ben, o 6 de xullo estaremos aí"
Tamén actúan en diversas festas. En cantas participan ó ano?
Podemos estar en vintetanos eventos ó ano. Procuramos non ir moi lonxe porque nos encarece, pero imos incluso ás veces a Portugal. Chegamos a ir a Coimbra, a Murcia, a Soria... pero o custe da vida subiu moito e é un pouco complicado.
Como animaría a alguén a ir a algunha desas clases?
Pois que nos veña a ver, que é gratis, que o primeiro mes pode vir alí e estar connosco e mirar como facemos, como o pasamos e como rimos, e tomar a decisión.
Fan algunha outra actividade?
Si, facemos saídas culturais, por exemplo á Curota, ou levamos ós rapaces en kaiak ó Areoso... Tamén tivemos un curso de RCP... Facemos cousas que nos interesan a todos.
Como ven o auxe actual de grupos de música tradicional?
Vémolo moi ben. É algo que nos emociona. Ver que a túa lingua se está levando por aí é algo moi interesante. Pero nós non tratamos de sacar estrelas senón que a xente vaia tendo unha cultura.
Pode parecer que a cultura tradicional xa se dá por feita e non hai que coidala. Que diría ante isto?
Que hai que mantela e traballala. Unha pranta, se non a coidamos e non a regamos, desmádrase e abandónase. A música e cultura tradicionais temos que mimalas sempre. Hai que fomentalas tamén desde as administracións porque pode parecer que fan un gasto coa cultura, pero se o pensaran ben, é unha boa inversión. A xente que está en cultura está dando un beneficio, non perdas. Eu véxoo na xente que temos alí, cando volven da Universidade e din “imos para Xironsa e tocamos todos xuntos”. Iso faite grande.