Leonor Muñiz decidiu hai dez anos recuperar “As Saíñas” e non lle faltaron voluntarias para botar unha man. Hoxe contan con case 300 socias que van dende os 18 ós máis de 80 anos. A todas elas “bombardéanas” con novas propostas que fan do colectivo un dos máis activos do municipio.
As Saíñas está cumprindo dez anos pero nacera moito antes. Por que parou a súa actividade?
A asociación fundouse alá polo 1989. Cando parou, eu estaba en Canarias e descoñezo o porqué, pero cando volvín miña nai díxome “por que non retomades?”. Eu perdera moito o contacto coa xente de Castrelo pero uns anos despois, coa miña cuñada Elena, a vicepresidenta, fixemos unha reunión a ver canta xente viña e foi un éxito, había moitísimas voluntarias. E ata hoxe.
Supoño que era unha lástima que se perdera aquela tradición...
Si. Había que retomalo como fora. Si que se cambiou o sistema porque daquela funcionaba moito con cartas nos buzóns, taboleiros... e nós actualizamos. Ó principio había como trinta que non tiñan WhatsApp e hoxe haberá sete ou oito que non o teñan.
E houbo algunha crítica polo de seguir chamándolle “Mulleres Rurais”?
Algunha, insignificante. Nós collemos uns estatutos modelo nos que di que as socias teñen que ser mulleres e maiores de idade. Iso limita á hora de facer os carnés, pero nós nunca fomos excluíntes cos homes nin co resto da familia. De feito, fixemos unha modificación nos estatutos para que calquera puidera acceder, e nos cursos temos homes.
Teñen socias de todas as idades. Buscan cousas diferentes na asociación as maiores e as novas?
Si. Hai talleres que lles gustan máis ás novas e outros ás maiores. Faime graza cando anuncias un taller e de repente aparece alguén que dis “este non me cadraba aquí”. O ano pasado fixemos un de cata de viños e as maiores en principio non querían, pero despois viñeron algunhas.
Desde que colleron vostedes a directiva non se presentou ningunha outra candidatura. Tómano como algo positivo ou é porque custa atopar relevo?
De momento estámolo lendo como que lles gusta o que estamos facendo. De feito, á asemblea non vén case ninguén, estamos sempre as mesmas, pero si recibo moitos whatsapps de “Leonor, adiante, conta comigo, o que fagades, ben feito está”.
Cóntenos un pouquiño que actividades fan na asociación.
O curso que temos desde o inicio é o de labores, que é intocable. Despois hai ioga, pilates, zumba, informática, memoria... E houbo moitos que funcionaron por modas, como coiro, cesteiría, scrapbooking... Tamén hai unha cea anual que é un éxito, de feito algunha é socia só por ir á cea. E aí facemos unha actuación para que despois enganche para facer un curso. Un ano trouxemos unha bailaora flamenca e de aí xurdiu un curso de sevillanas. Outra das actividades que temos, que nos enche moito e que é a maior fonte de financiación, é a venda dunhas rifas polo día da nai. Sorteamos una cesta chea de produtos, por un euro a rifa.
Algo escoitei tamén dunha canción en lingua de signos...
É unha das actividades das que máis orgullosas nos sentimos. No 2019 interpretamos a canción “Hay algo en mí”, de Miriam Rodríguez, en lingua de signos, algo que tamén deu pé a un curso posterior. Aquilo foi precioso. Gravamos un videoclip que se fixo na Fundación Manolo Paz e está colgado en YouTube.
Teñen case 300 socias e son das asociacións máis activas de Cambados. Que ten “As Saíñas” para atraer tanta xente?
Creo que é moverse, diversificar, e buscar cousas modernas. Na directiva temos un grupo de WhatsApp que bota lume. É un bombardeo continuo ó grupo de socias para presentar actividades e creo que iso é o que pode chamar.
Que nos pode contar sobre a Andaina Solidaria deste ano?
A andaina é do que máis orgullosas estamos, e ademais é todos os anos e logramos moita recaudación. Esta é xa a oitava edición e este ano contamos como madriña con Lucía Rodríguez, presentadora de “Xente Marabillosa” (TVG) e a recadación irá para a Fundación Andrea, xa que estamos dous anos con cada asociación e o ano pasado xa estivemos con ela.
E como van as obras que teñen na sede nestes momentos?
Nós arrincamos as actividades na Casa da Cultura de Castrelo e no 2017 o Concello deunos unha sede que era unha antiga escola unitaria, na que eu fixen preescolar, que se fixo como unha escola feminina nos anos 60. E, paradoxicamente, hoxe é a sede dunha asociación de mulleres. É algo bonito. Este ano iniciamos reformas e tiñamos o soño de conseguir a cociña, que estará lista como nun mes.
Que proxectos ten en mente?
Non o podo revelar porque necesitamos axuda das administracións, pero queremos facer un proxecto nos exteriores da sede que sexa unha homenaxe a esas nenas que nos 60 estaban nesa escola e hoxe son socias.