A semana pasada puidemos ver o desfile de autoridades locais e provinciais cara FITUR. Tamén limos os titulares coas distintas propostas presentadas, que pasaban maiormente polo Camiño de Santiago e as infinitas vías de peregrinación. Un exemplo de que a lucrativa relación entre fe e capitalismo nunca se esgota e todo depende da inventiva e o envoltorio co que se venda.
O Concello de Vilagarcía puxo en marcha unha campaña publicitaria consistente na colocación duns carteis coa imaxe de Cortegada en diferentes estacións do metro de Madrid e o slogan “A 3 horas ¡y un café!”, co obxectivo de vender as bondades da comunicación entre ambas cidades mediante a alta velocidade. Poderíamos debater sobre o significado de que o maior reclamo desta vila sexa o de acceso, como porta de Arousa, a unha ría cun indubidable atractivo. Ou discutir se a foto reflicte a marabilla natural que é Cortegada e o seu entorno, ou que tipo de turismo se intenta promover con esta campaña. Tamén darnos o gusto de facer chistes sobre a exaltación do Concello de Vilagarcía que nas súas redes se gababa ,“o noso Concello triunfa na Feira Internacional de Turismo coa súa campaña, A 3 horas ¡y un café!”.
O que está fora de toda discusión é que cando un madrileño ou madrileña se atope no metro fronte ao devandito cartel e, movido pola curiosidade, se anime a entrar no enlace web escrito con letras brancas visitvilagarcia.com, atoparase con cousas que nos sorprenderían ás vilagarciás. Por exemplo, se lle apetece comer en Carril, poderá facelo no recordado restaurante Loliña ou, se o prefire, no Luchana. Algo que a veciñanza non pode facer, aínda que lle apetecera, posto que hai anos que non existen como tal.
Tamén, se un madrileño ou madrileña interesado sobre o que pode facer en Vilagarcía, igual decide visitarnos entre xuño e xullo, posto que é un amante do blues e segundo a web nesta época celébrase o Vilablues, aínda que xa hai uns anos que se trasladou a outra localidade. Así como xa non se celebran eventos como a Feira das tapas ou o Varietés, que tamén figuran na web.
Calquera veciña a estas alturas xa se decataría de que a web non se actualizou dende a súa posta en marcha en 2019. A min estas cousas cabréanme, bastante. O tipo de política máis pendente dos titulares que da xestión do día a día, dado que, tras presentar por todo o alto a web de turismo, nin o propio concelleiro de área se preocupou da calidade e actualización da información que se ofrece.
A oposición ben faría en revisar os custes anuais de mantemento e xestión web e pedir explicacións. A ver se para o próximo FITUR alguén se preocupa de revisar a web que figura nos carteis. Porque, en Vilagarcía, cando nos sobrevén a nostalxia acudimos ao Faiado da Memoria.