Extramuros

Pasei a miña infancia na rúa Extramuros de Carril. Extramuros significa fora do recinto dunha cidade ou poboación e, dalgún modo, vivir alí era como sentirse fora, nun tempo suspendido. Aínda o outro día comentabamos coas miñas primas cando de nenas lle furtabamos á miña avoa o remolque e montabamos nel para que a miña irmá- a máis nova das catro-nos empurrara. Cústame imaxinar á velocidade que nos podía levar aquel corpo pequecho, pero recordo que cando pasabamos por riba das moitas fochancas daquel firme berrábamos nerviosas “aí veñen as peripecias”. Sen dúbida a nosa capacidade lingüística tendía á fabulación, como acostuma a pasar na infancia.


Corenta anos despois, a rúa Extramuros segue infestada de fochancas que dende o Concello se limitan a parchear, pero que volven aflorar por mor do tráfico. Para quen non o saiba, esta rúa é a que sube pola Igrexa, cara o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro e, tamén, á Escola Infantil da rúa Os Anxos. O alto tránsito de autobuses e vehículos durante a tempada escolar contribúe a erosionar o firme dunha estrada que non se renova fai décadas. A pesar das queixas da comunidade educativa e de residentes, a ansiada intervención desta rúa non parece estar entre as prioridades do goberno de Alberto Varela que, por único investimento en Carril durante o último mandato, conta un albergue que continúa pechado ano e medio despois mentres Concello e Xunta se pasan a pelota.


Estas non son as únicas eivas da rúa durante estes anos. A pesar de ser un camiño que percorren cada día moitos escolares, unha das beirarrúas permaneceu dous anos anulada polo valado dun muro derruído nunha finca da Sareb.


Agora volve pasar o mesmo con outra das beirarrúas, esta vez polo risco de desprendemento dunha casa. Pero o que ten en pé de guerra á veciñanza desta rúa, é unha circunstancia propiciada polo propio Concello, que mudou a liña de aparcadoiros para a marxe dereita sen pensar que efecto ía ter na súa complexa mobilidade. Agora a veciñanza ten que cruzar a estrada cando sae do coche cara as súas vivendas, cuestión que prexudica especialmente ao Mercamas, que viu trasladada a zona de carga e descarga, dificultando o movemento da mercadoría. Tamén os autobuses de maiores dimensións teñen menos espazo ao xirar o que xa provocou algún atasco.


Con este cambio o Concello buscaba facilitar a recollida do lixo cos novos contedores, o que non se entende é que non previran os efectos para a veciñanza e negocios da zona que xa están a recoller sinaturas para que se restitúan os aparcadoiros á súa marxe anterior.


Mentres noutras zonas de Vilagarcía se fomentan os camiños escolares seguros, o acceso ao Colexio de Carril continúa á marxe e, en vez de mellorar a accesibilidade, a xestión municipal a complica. O Goberno Local debe rectificar unha mala decisión e, xa que se están a negociar os orzamentos municipais, tal vez alguén teña a ben propoñer unha partida para a intervención integral que esta rúa necesita e así, por fin, circular pola zona deixe de ser unha “peripecia”. 

Extramuros

Te puede interesar