Lixo turístico

Se estás lendo este artigo, probablemente xa saibas que no 2025 o goberno de Alberto Varela subirá a taxa do lixo. Este xornal leva días contando en que consiste e como vai afectar á veciñanza. Os factores que a propician, segundo informou o Concello, son a suba do canon de Sogama e a adaptación á lexislación europea. Ata aquí as explicacións.


Falando cun veciño, comentábame que non entendía como, vivindo só, pagaba o mesmo que nunha casa na que viven varias persoas, posto que unha soa persoa xera menos lixo que varias. A pesar da lóxica do seu razoamento, o noso sistema susténtase nun principio de solidariedade polo cal, aínda que ás veces se o miramos de maneira particular podemos sentirnos inxustamente tratadas, os beneficios que recibimos son moito maiores. Pensemos, por exemplo, na sanidade e o elevado custe de calquera tratamento. É fundamental que os servizos públicos sexan escrutados, non dende unha perspectiva individual, senón colectiva e do ben común. 


Estes días, publicaba este xornal que as vivendas turísticas de Vilagarcía van pagar na taxa do lixo 45€  menos que as vivendas habituais. Equipáranse así aos hoteis e establecementos de hospedaxe, cun custe anual de 27,72€ por habitación que, no caso dunha vivenda de tres habitacións suma un total de 83,16€ anuais, fronte os 129,56€ que pagaremos as familias vilagarciás. Isto quere dicir que o meu veciño, que vive so na súa casa, integrado nunha comunidade, contribuíndo de maneira cotiá ao seu desenvolvemento económico e social, vai pagar máis polo seu lixo que quen posúe unha vivenda con intención lucrativa. Isto non parece que vaia en liña co ben común.


Non por previsto, deixa de ser frustrante ver como o goberno de Alberto Varela, na primeira oportunidade que se lle presenta para favorecer o dereito á vivenda, beneficie a quen a concibe como negocio. Se é incapaz de actuar, dentro das súas competencias, sobre unha cuestión como a taxa do lixo, carecerá de vontade política respecto de cuestións como a declaración de zona tensionada ou medidas máis relevantes. Todo isto, ante o silencio cómplice do seu socio, o BNG, contundente nas consignas, pero inexistente na acción política. Os dous concelleiros desta formación resultaron elixidos, en gran parte, polo voto desa mocidade que ve imposible alugar unha vivenda cos seus salarios mentres o partido ao que votaron non fai nada, e iso que o PSOE necesita do apoio deses dous edís para sacar as súas medidas adiante. 
Dende a oposición, o PP limitouse a criticar ao goberno local pola suba, esquecendo que parte desta ten que ver coa repercusión do canon de Sogama, competencia da Xunta de Galicia que eles mesmos gobernan. Finalmente, a taxa do lixo das vivendas turísticas e o agravio comparativo coa veciñanza só foi denunciada pola voz solitaria do edil de Esquerda Unida, Juan Fajardo. 


Todas escoitamos os discursos triunfalistas no noso país respecto a alta ocupación turística durante este verán. Sen embargo, esas mesmas voces triunfalistas coinciden na necesidade de desestacionalización do turismo. Pero, indo máis alá, é posible desestacionalizar unha economía “turisdependente”?. Sería un paso importante que unha maioría non tivera que destinar un 60% do seu salario á vivenda, e así poder consumir nos nosos comercios, restaurantes, ou participar de actividades culturais e de ocio durante todo o ano. Isto favorecería a outros sectores da economía local, xeraría un reparto máis equitativo da riqueza e un maior benestar da poboación. Pero, para iso quen goberna debe traballar seriamente para que a veciñanza poida quedarse a vivir na nosa vila, ademais de que veñan de fora visitala. 


Comezando por que o lixo turístico non saia máis barato que o lixo cotiá.

Lixo turístico

Te puede interesar