A inundación da información é a seca da verdade. Vivimos nunha era marcada por un paradoxo abafante: nunca antes a humanidade tivo acceso a tal cantidade de información, pero nunca antes esa abundancia foi tan insuficiente para garantir unha sociedade ben informada. Esta contradición, semellante ao efecto devastador das inundacións que privan de auga potábel, evidencia que a multiplicación das canles de comunicación non se traduce en pluralismo nin en democratización da verdade, senón na concentración do poder comunicativo en mans de poucos actores globais.
As plataformas dixitais, aparentemente diversas e descentralizadas, convertéronse en ferramentas dun reducido grupo de elites económicas e tecnolóxicas. Estas, amparadas pola retórica do libre comercio, transcenderon ás normas éticas e institucionais para transformar a información nun recurso máis no seu xogo de acumulación. Mentres a cidadanía percibe unha falsa sensación de acceso e participación, os algoritmos moldean estados de opinión ao servizo de intereses privados, eliminando o espazo para a diferencia de opinións real.
Estamos ante unha nova aristocracia que, como os señores feudais do pasado, controla os recursos esenciais do presente: datos, narrativas e, especialmente, a atención da xente. O paradoxo resúltanos evidente cando os recursos tecnolóxicos que prometían emancipar á humanidade terminan sendo instrumentos para consolidar o dominio económico e político dunha minoría. As chamadas “terras raras” que sosteñen os dispositivos electrónicos non só explotan ao planeta senón que afondan nas desigualdades globais, mentres unha inmensa maioría queda atrapada nun ciclo de consumo, anestesiada pola aparente comodidade que lle brindan.
O impacto desta dinámica é transversal. As democracias, fráxiles e cada vez máis polarizadas, enfróntanse a un desafío que supera ideoloxías e fronteiras: o pulso entre estados debilitados e corporacións omnipotentes. A distopía na que as empresas gobernan o mundo xa non pertence ao imaxinario da ficción, senón á realidade emerxente. Fronte a isto, o escepticismo e a apatía social fortalecen este xeito de sometérmonos pasivamente, nunha entrega voluntaria da nosa capacidade crítica e da nosa necesidade de independencia como cidadáns.
Os sinais de advertencia están por todas partes. Mentres unha minoría acumula fortunas máis inmensas que as de calquera emperador da antigüidade, os seus proxectos transcenden as necesidades planetarias. O futuro que debuxan é unha ditadura sen violencia explícita, baseada na nosa conformidade. A renuncia á capacidade de cuestionar, en troca dunha vida aparentemente máis cómoda, representa o perigo máis grande. De non rachar este ciclo de anestesia colectiva, o custo será o sacrificio de todo o que nos fai humanos: liberdade, solidariedade e conciencia crítica.
Onte, no alén mar atlántico, oficiouse o inicio dun tempo incógnito, moi preocupante. Mesmo alarmante. A cuestión, polo tanto, non é só como resistir esta concentración de poder, senón tamén como reverter o noso papel de cómplices involuntarios. A verdadeira loita non será contra máquinas ou algoritmos, senón contra a nosa propia disposición a aceptar a inxustiza a cambio dunha falsa sensación de seguridade. Manteñámonos en garda, pois a nova servidume non vén imposta por cadeas visibles, senón pola nosa renuncia voluntaria ao que nos fai libres.