En pleno inverno, a principios do mes de xaneiro, foi cuns amigos a Castrojeriz, a tiro de pedra da capital de Burgos, onde o Camiño de Santiago esixe respecto e forza aos peregrinos para andar máis de catrocentos quilómetros cara a meta da súa peregrinación, en Santiago de Compostela. O lugar ten o seu nome por mor dun primitivo castro, alí na cimeira do outeiro do Castelo.
Neste lugar, se respiras fondo, gozas do sabor antigo, de cando estiveron cultivando a terra de forma comunitaria os vacceos. Alí estiveron os romanos e desapareceron, para repoboarse novamente o lugar a mediados do s. IX, cando o Camiño de Santiago adquire importancia e, ao seu paso, revoluciona a economía, propón novas formas de vida, de cultura e de pensamento.
En Castrojeriz e nos anteriores ou posteriores lugares por onde pasaron e pasan os peregrinos, vese a riqueza que aporta o fenómeno xacobeo, nos eidos da Historia, da arte, da arquitectura, da cultura e da lingua. Vese a riqueza económica, o espertar da natureza e o esmorecemento xeral nos meses de inverno, cando se produce a gran parada. Os establecementos hostaleiros fechan as súas portas, os comercios fechan tamén e o mundo nestes andares, párase ata que regresa a concorrencia, que cada ano chega antes, para ben de todos.
Os amigos tornaron decontado, ao rematar a festa, pero el, Federico Carpinteiro, recorreu, paso a paso, cada unha das etapas do Camiño Francés. Ao deixar atrás a provincia de Burgos, pola localidade de Frómista, adéntrase en Palencia, mira para os lados, para arriba e para abaixo, e escoita atentamente o soar das campás das igrexas fechadas a cal e canto, coma sempre, igual que as igrexas galegas, fechadas de noite, pola mañá e pola tarde. “O recorrido por Palencia impresiona”, dixo Federico, mentres as súas pernas tremían co frío. Recorreu Carrión dos Condes e atopou abrigo no único bar aberto que había.
“Aquí, señor, -dixo a hostaleira- vivimos do Camiño de Santiago e cando non hai peregrinos, descansamos”. Por León tamén estaba cerrado, todo cerrado. Ao pasar Vilafranca do Bierzo e subir pola Faba, o peregrino chegou con neve ao Cebreiro e alí, como si xa estivera de volta na casa, cos do Cebreiro, programou a seguinte peregrinación. Ultreia et Suseia!