Hai forzas de esquerdas que durante esta campaña municipal preséntanse como a única opción fronte a Alberto Varela, co relato de que o resto xa temos pactado un acordo e que, debido a que gobernamos co PSOE no Estado, nestas municipais “ imos darlle un cheque en branco”. Se ben, dende Podemos-Marea da Vila nos reivindicamos como parte desa “política útil” que desprega Yolanda Díaz dende o Goberno de Coalición, dicir que existe algún tipo de acordo co PSOE en Vilagarcía é de ciencia ficción. Se algo demostramos dende o Goberno do Estado é que non somos de dar cheques en branco, senón que somos quen arrastra ao PSOE a facer políticas útiles para a xente.
En todo caso, coido que este 28 de maio servirá para que a veciñanza faga balance, principalmente, da xestión de Alberto Varela, pero tamén do que fixemos as forzas da oposición durante os últimos catro anos. Nese senso, a veciñanza pode pensar que asinou un “cheque en branco” quen pasou meses sen facer oposición sen presentar propostas en pleno ou enviar notas de prensa. Por non falar de quen estivo durante un ano sen asistir aos plenos coa escusa de que non servían de nada contra os 12 concelleiros do PSOE. Certo é que a maioría absoluta lles permitiu gobernar con comodidade, pero ante isto a oposición pode baixar os brazos ou, polo contrario, fiscalizar ao goberno, exercer presión, crear debate e estar ao carón da veciñanza.
Isto último é o que fixo María de la O Fernández durante este primeiro mandato como concelleira de Podemos-Marea da Vila. Exercer presión para que o Goberno Local cumprira con compromisos esquecidos como a cuberta da escola unitaria de Aralde. Impulsar debates sobre cuestións como a transición enerxética ou o dereito á vivenda. Estar ao carón da veciñanza favorecendo a súa participación nos plenos -A Laxe, Vilaxoán, A Escardia, Faxilde- ou defendendo os dereitos laborais das traballadoras do SAF ou do ISM de Bamio. Poñer o foco en que este goberno con maioría absoluta foi incapaz de ter a tempo un só orzamento en todo o mandato. Preguntar, insistir, fiscalizar. Sen ir máis lonxe, o pasado 3 de maio presentamos unha proposta para acabar cos dedazos nos contratos menores do Concello e comprometémonos á súa publicación cada tres meses, tal e como esixe a lei. O Concello reaccionaba, ao día seguinte, publicando na web os contratos menores do 2022.
Ao contrario doutras forzas políticas, nós non vemos necesario entrar nesta campaña nos ataques persoais ao candidato á alcaldía do PSOE, porque pensamos que existen sobrados argumentos políticos para que a veciñanza lle retire a confianza que lle outorgou no 2019. Porque a maioría absoluta, Alberto, tampouco era un cheque en branco.
Unha campaña política consiste en promesas, discursos, ataques ao adversario e, sobre todo, emocións. Entre toda a propaganda despregada por quen ten os cartos para pagala -basta mirar aos autobuses, ás vallas-, son as emocións as que lle dan autenticidade. Gustaríame que este 28 de maio a xente que vaia votar a Podemos-Marea da Vila, vote con algo da emoción, da ilusión, que poñemos no que facemos. Pero, sobre todo, gustaríame que quen nos vote o faga coa confianza polo traballo feito. Basta buscar nas hemerotecas ou nas sesións plenarias deste mandato para saber que o voto a Podemos-Marea da Vila, o voto a María de la O Fernández, é o único voto útil para Vilagarcía este 28 de maio. Traballo mata a relato.