Sobre a virtude de escoitar

Este martes, en Vilagarcía Cidade de Libro, estiven falando co poeta Ismael Ramos. Mentres agardaba a que comezara a charla que ían manter Ismael, Afra Torrado e Lúa Mosquetera, aproveitei para ler os primeiros poemas de Lumes na preciosa edición de Apiario, editorial que sempre coida moitísimo cada un dos seus singulares libros. Estrañoume que neste poemario en prosa publicado en 2017 -polo que Ismael tería menos de vinte e tres anos cando o escribiu- os temas principais foran a enfermidade e a morte. A priori, non encaixan coas obsesións que supoñemos nun rapaz tan novo. Recordei despois que Ismael acaba de traducir ao castelán Azul Monforte, o premiado último poemario que Antón Lopo, poeta de sesenta e tres anos de idade, escribiu sobre a enfermidade e morte da súa nai. Pregunteime como sería para Ismael poñerse na pel dun home trinta anos maior, ata o punto de interceder entre as lectoras e o poeta a través doutra lingua. 

 

Traducir poesía non é calquera cousa. Con todo, pensei más tarde, construímonos como lectoras-as que coma min comezamos dende moi novas- lendo a escritores-maiormente homes, porque o canon literario é masculino- de maior idade e experiencias moi afastadas das nosas nese momento. Empatizamos, coñecemos as súas vivencias, percorremos as súas reflexións, pero, ao revés? Facemos logo, a medida que transcorren os anos, o exercicio de ler aos rapaces e rapazas novas que escriben? E que hai das outras expresións culturais, a música, a pintura, a fotografía? Achegámonos a elas cando son produto da creatividade dos mozos e mozas? E se o facemos, facémolo dende un lugar que non sexa o paternalismo, a incomprensión e o xuízo?


No caso de Ismael, acostumo a ler os seus artigos e desfrutei moitísimo do seu libro de relatos, A parte fácil, que lin dúas veces. Aínda que escribe sobre a precariedade, a incerteza e os problemas que atravesan ás persoas novas coma el, non deixei de sentirme concernida pola súa narrativa das mesmas. Non percibo tanta distancia na súa posición sobre as cousas con respecto á miña, a pesar de levarlle case vinte anos. O propio Ismael denunciaba o mércores nunha entrevista neste mesmo diario: “O mundo está obsesionado en dividirnos por xeracións. É moito máis desmobilizador que facelo por clases”. Creo que nesta afirmación recóllese á perfección unha frustración colectiva, algo que deberíamos ter en conta cando observamos con estupor o voto de parte da xente moza nestas últimas eleccións europeas. Porque cando o diálogo non parece viable, as persoas buscan alternativas para que se lles escoite, por moi estridentes que nos parezan.


Quizais os mozos e mozas estean tentando dicirnos algo, iso que Ismael expresa a través da poesía ou dos seus artigos, pero non todos dispoñen de semellante ferramenta para afirmarse. Sen dúbida, urxe deixar de emitir tantos xuízos sobre a xente moza e comezar a ser ouvintes. Tamén lectores. Porque un libro é sempre un lugar para o diálogo.

Sobre a virtude de escoitar

Te puede interesar