Javier Frieiro é historiador e o presidente da asociación Carracedo Fala. Hoxe fala con nós do boletín co que comezou todo e do compromiso coa Memoria, o patrimonio e a cultura que ten este novo colectivo.
Por que decidides dar o salto a ser unha asociación cultural?
A nosa idea era facer unha publicación que recollese os aspectos máis importantes da nosa parroquia. Da man da que foi a asociación parroquial, botamos a andar. De aí a uns anos, como o boletín tivo moi boa acollida entre os veciños, decidimos montar unha asociación independente que se adicase a cuestións culturais e á edición do xornal. Así foi como o ano pasado, coincidindo co décimo aniversario do lanzamento do primeiro número, rexistramos oficialmente a asociación.
E que tal acollida hai ata agora?
Moi positiva. É certo que ten moi poucos meses de vida, pero a nós os veciños xa nos coñecen dende hai moito tempo e saben como traballamos. Dende que fomos repartir os primeiros boletíns polas casas en 2014 e leron e viron o que faciamos, tivemos comentarios dicíndonos que estaban moi contentos, e por suposto tamén por medio das doazóns económicas, que permiten que sigamos facendo este traballo. Estamos moi satisfeitos e iso é o que nos impulsa a continuar.
Facendo alusión ó nome do boletín, de que fala Carracedo?
O boletín ten distintas seccións. Eu destacaría a de “protagonistas”. En cada número facemos unha reportaxe a unha persoa senlleira da parroquia. Por exemplo, dona Ramona da Pedreira, que é a muller máis maior de Carracedo, á que lle fixemos un especial hai uns anos que lle fomos entregar en persoa. Ou Lelo Casalderrique, un neno que nos anos 50 emigrou á Arxentina despois de que lle morrera súa nai. Reuniuse alá con seu pai e non volveu a Galicia ata 40 anos despois. Contactamos con el e mandounos a súa historia, que publicamos no oitavo número.
Tamén falan de temas actuais...
Si. Outra das seccións é a de “mortos e vivos”, que está un pouco en crise. A sección consiste nos falecementos, nacementos e casamentos, e hai certa reticencia a publicalo polo tema da lei de protección de datos, polo que temos que replantexala. Tamén consignamos actividades doutras asociacións e temos unha sección que gusta moito que é “a voz do veciño”. Aí facemos relación de queixas que teñen a respecto de servizos ou infraestruturas que non funcionan de todo ben. Lamentablemente, en 2025, aínda Carracedo carece dunha rede de sumidoiros completa, ten deficiencias no asfaltado de camiños e unha depuradora que non funciona dende hai moito tempo.
Pensamos facer un roteiro da Memoria que pase por puntos como a curva da ponte, onde se fusilaba xente tralo golpe do 36
O voso lema é “O que ocorre en Carracedo contámoscho nós”. Credes que o que pasa nas parroquias non se reflicte ben na prensa tradicional?
No que se refire a diarios como Diario de Arousa, si que sempre hai un espazo nas súas páxinas para o que sucede no máis local. Noutros medios, que miran cara certos núcleos que consideran máis interesantes como Santiago ou Madrid, o rural é o gran ausente. Nunha época de globalización gústanos moito o lema de que as historias máis locais son tamén as máis universais. O que ocorre en Carracedo tamén ocorre noutras moitas parroquias e é importante denuncialo para que a xente o saiba.
Que actividades tedes en mente?
Destacaría a participación na feira tradicional de Caldas, que se celebra en agosto. Alí montamos un stand que ten moito éxito. Levamos as fotos que recollemos entre os veciños, facemos unha mostra de produtos da horta de Carracedo, cociñamos filloas de sangue, chulas de cabazo... E de cara ós próximos meses, a parte de sacar o noveno número do boletín, pensamos en organizar un roteiro da Memoria. É un xeito de que, sobre todo a xente nova, coñeza mellor o lugar no que vive. Para tecer lazos entre novos e vellos e facer parroquia. Logo, de cara ó verán, temos pensado facer unha exposición a partir das fotos que recollemos entre os veciños.
Ese roteiro da Memoria, que puntos de interese tería?
Aínda o estamos discutindo, pero evidentemente a igrexa, a reitoral e a curva da ponte, que é un lugar onde se fusilou xente logo do golpe de estado do 36. Os máis maiores coñecen isto pero os máis novos non, e é algo que teñen que coñecer para que non se volva repetir.
Recentemente estivestes moi combativos contra un proxecto da Xunta. Como foi isto?
Enterámonos pola prensa de que dende Turismo de Galicia se pretendía facer unha senda paralela á Nacional 550 e alternativa ó Camiño de Santiago que se xustificaba polo tema da seguridade. Non pode ser que se impulse un proxecto que supón deixar de lado o Camiño tradicional. Non podiamos quedar de brazos cruzados e denunciámolo nas nosas redes e na prensa local. Finalmente contribuímos a que a Xunta desistise dese proxecto. Tamén estamos detrás doutra loita, unha reivindicación histórica da nosa parroquia, que é a cuestión dos pasos de peóns. A N-550 ó seu paso por Carracedo ten dous quilómetros, nos que só hai un paso de peóns, co problema de seguridade que supón para veciños e peregrinos. Estamos falando co Concello para levar unha demanda ante Fomento.
Cal é o seu soño para a asociación?
Conformaríame con que un rapaz novo, e tamén a xente maior, se sinta orgulloso de vivir no rural, de vivir en Carracedo, e de falar galego. E que valore o que temos.