Yanira Amoedo (Entrecortiñas) | “O cine leva a ver que temos moitas cousas parecidas con outros países”

Hoxe suman xa 68 socios e traballan con embaixadas de todo o mundo

Yanira Amoedo é membro da directiva do isleño Cineclube Entrecortiñas. Considera que o cine é “un espazo de liberación” onde deixarse levar. Hoxe deixámonos levar con ela para saber como funciona este novo espazo.

 

Hai case un ano que decidiron crear o Cineclube para cubrir este baleiro que existía na Illa. Tanto cinéfilo hai? 
Pois en abril vai facer un ano que empezamos a proxectar, pero realmente organizámonos en novembro de 2023 un grupo de xente asentada na Illa. Hai bastante persoal con ganas de cine e que precisaban algo máis cultural. E a resposta foi marabilla. Estamos moi contentos.

 

Como foi este ano? Supoño que foron medrando pouco a pouco...
Si. Empezamos con bastante xente. A verdade é que non contabamos. Ó mellor eran 80 persoas ou así. Despois fomos ata 40 e aí nos mantivemos. Estamos entre 40 e 60 persoas que veñen ás proxeccións, cando contabamos cunhas 15 ou 20. Estamos acadando moi boa acollida.

Cada canto proxectan filmes?
Intentamos proxectar todos os meses. Entón, organizámonos para facelo cada xoves ás 20:00, aínda que ó mellor proxectamos na fin de semana se hai algo interesante ou algún director quere facer algunha presentación. Intentamos adecuar todo para eles.

"Tivemos un feedback moi chulo coas pelis de Colombia. A xente viuse reflectida e saíu moi contenta"

 

Como son esas proxeccións?
A entrada é de balde. Despois, podes asociarte, se queres, por 15 euros ó ano, pero non é obrigatorio. E as proxección facémolas no Auditorio da Illa de Arousa. Gracias ó Concello de Illa, á parte de Cultura, que nos dá ese apoio para poder levar a cabo as pelis alí. E o auditorio é perfecto, ten un son xenial e a pantalla é marabilla.

 

Entendo que non son películas comerciais as que se poden ver alí...
Non. Traballamos por embaixadas. Entón, mandamos un correo para ver que listaxe de pelis nos poden mandar. E nós de aí seleccionamos ou eles nos dan un consello e nos axudan. Despois, tamén traballamos con institutos. O Camões, o Goethe, o francés...  Aí pesquisamos cousiñas. E se non, facemos unha listaxe e valoramos nas casas que pelis nos gustan. Pero sempre filmes bastante importantes e non comerciais.

 

Vexo que hai moito traballo de xestión. Algunha vez algunha película se lles resistiu para conseguila?
Si. Somos un grupo de xente, que eu son aquí a cara visible pero somos oito persoas xestionando para levar a cabo unha proxección todas as semanas, que require traballo. Pero si, hai algunhas películas que depende de onde metas un pouco o pé. Por exemplo, quixemos contactar con Brasil e non tivemos resultado. Custa moito ás veces achegarse a certos sitios. En cambio, coa embaixada de Colombia tivemos unha resposta fantástica. Tanto é así que  María Andrea Torres Moreno, ministra plenipotenciaria da embaixada de Colombia en España, achegouse ata A Illa porque quería participar nesa proxección. E iso tamén se agradece moito.

 

Que tal acollida teñen aquí películas doutros países como Colombia?
Teñen moi boa acollida porque, a parte, leva a ter outras visións do mundo a través do cine. E ás veces temos moitas cousas parecidas. Con Colombia así foi. Cos documentais había cousas que eran máis duras, pero outras eran vivencias moi parecidas culturalmente.

 

Recorda algunha proxección que gustase especialmente ó público?
Coas que máis tivemos un feedback chulo foi con Colombia.  Porque a parte da cor que ten o propio filme, tamén se viron reflectidos. A xente saíu moi contenta.

Cineclube entrecortiu00f1as A Illa
Parte dos colaboradores da entidade, no auditorio, antes dunha proxección | Gonzalo Salgado

E a vostede?
Si. A primeira de Colombia, “Jericó”. É dun pobo que hai alí e pareceume preciosa. Recordoume moito ás nosas culturas, moi parecidas na forma do traballo, e logo, que poñían moito á muller no centro. Era un grupo de sete mulleres con vidas moi paralelas pero moi diferentes. A parte, outra do Instituto Goethe, “Alicia nas cidades”. Era dunha nena, con esa inocencia, en branco e negro... Moi interesante.

 

Cal é o perfil da xente que acode ás proxeccións?
Normalmente temos idades comprendidas entre os 30 e algo máis dos 60 anos. Despois, queremos achegarnos á xente máis nova. Estamos facendo un traballo de achegarnos ó instituto... pero aínda non tivemos esa acollida para a rapazada. Creo que pouco a pouco
chegaremos a eles.


Que valor cre que aporta ir ó cine?
O cine é un espazo de liberación, onde podes desconectar das redes, deixarte levar polas pelis durante esas dúas horas e despexar a mente.

 

Como comezou a súa relación co cine?
Eu veño do eido cultural e asociativo, de baile, de festivais... E creo que é unha parte que fai falla. A cultura sempre ten que estar aí e esta é unha forma de que vaia fóra da propia Illa.

 

Tamén vai xente de fóra de A Illa a ver os filmes?
Si, si. Cada vez estamos tendo mellor acollida e as redes fan moito para chegar a xente de fóra.

 

E que proxectos teñen en marcha?
Agora estamos cun ciclo de películas de México e a longo prazo valoramos facer un pequeno festival de verán ou cine ó aire libre. E cando chegue o primeiro aniversario, igual tamén facemos algo para celebralo. 

Yanira Amoedo (Entrecortiñas) | “O cine leva a ver que temos moitas cousas parecidas con outros países”

Te puede interesar