Chega a Vilagarcía a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía de Castro

Chega a Vilagarcía a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía de Castro
Varela, Outón e Angueira durante a visita á mostra I MÓNICA FERREIRÓS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, visitou esta mañá na Praza da Ravella a exposición "A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía" na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar o inmoble no que residiu a poetisa de Padrón. O rexedor visitou a mostra na compaña do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e da concelleira de Cultura, Sonia Outón. A mostraa ceo aberto instalada diante do Concello pode visitarse ata o 26 de febreiro.

A mostra comisariada por Pepe Barro -tamén autor da museoloxía da Casa Museo- fai un repaso pola historia do centro, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á colaboración de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A semente para acadar este logro púxoa o Padroado Rosalía, creado en 1947. O organismo converteuse en refuxio do galeguismo con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación da cultura e identidade do país. E nese contexto foi medrando a idea de recuperar a casa que habitou a autora de "Cantares Galegos", un proxecto impulsado pola vontade popular ao que nin sequera o franquismo puido deter.
 

A implicación social

A campaña para converter a casa de Rosalía nun museo comezou en 1970 a raíz da proposta realizada por José Manuel Rey de Viana no Pedrón de Ouro. Participaron nesta causa centos de persoas anónimas de toda Galicia, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración. A iniciativa conseguiu a adhesión de máis de 70 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, clubs de fútbol como o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. O resultado foron as 994.043 pesetas recadas en 1971 e que se destinaron á executar o proxecto da cas -museo. Por iso a historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo.

Pouco despois da morte de Rosalía, en 1885, a Casa da Matanza na que residía fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera, fundador en 1947 do Padroado Rosalía de Castro. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración do inmoble, segundo planos de Gómez Román. E por fin en 1971, co Padroado presidido por Sixto Seco e baixo a dirección de Fernández-Albalat, inaugúrase como Casa-Museo. Foi o 15 de xullo dese mesmo ano e a montaxe e dirección do proxecto museístico correu da man de Xosé Filgueira Valverde.

 

O vínculo co Carril

A edil de Cultura destacou de Rosalía que era "unha muller adiantada aos seus tempos", tanto por escribir en galego como pola súa crítica social. Ao mesmo tempo, Concello e Fundación incidiron no vínculo da poeta con Carril, localidade que visitou na súa última viaxe. "Está documentado", apuntou Angueira, que destacou a aparición da localidade mariñeira, porto de referencia no século XIX, na obra da escritora de Padrón. "Son múltiples os lazos". 

 

Angueira destacou que "Rosalía nos uniu a todos os galegos", tamén os que estaban na diáspora, como se veu durante a campaña para xuntar cartos para dignificar a Casa. "Rosalía é de todos", insistiu Outón. O alcalde fixo fincapé na oportunidade para "abrir as festras" sobre a historia de Rosalía de Castro e a súa Casa e o que "supuxeron para esta terra". "Non se entende a historia de Galicia sen unha figura como a dela", concluiu Alberto Varela.

Chega a Vilagarcía a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía de Castro

Te puede interesar