Julio Torrado di que ser director deportivo soa “moi rimbombante” pero que o seu labor é seguir a evolución dos rapaces, ademais de “cadrar o puzzle” dos horarios. Hoxe fala con nós de xadrez e do seu club, o Fontecarmoa.
Cantos nenos ten agora mesmo o Club Xadrez Fontecarmoa?
Son uns 75-80 nenos e nenas menores de 16 anos. Algúns están estas semanas probando... Normalmente máis do 90% dos rapaces que veñen, quedan, e máis ou menos nesa mesma porcentaxe, repiten polo menos un segundo ano, especialmente máis elas ca eles.
Máis as mulleres, perciben?
Si notamos nos últimos anos que as rapazas vincúlanse máis. Teñen outra maneira de enfocar a competición e o xogo, que encaixa máis coa maneira que temos nós de velo. De feito, temos moi bo rexistro de xogadoras acadando bos resultados e creo que iso se dá porque intentamos coidar da presencia delas.
O club naceu nos 80, cal é a clave para seguir tantos anos?
O club ten unha dose enorme de paciencia e visión a longo prazo. Nace no instituto de Fontecarmoa, cuns profesores moi novos, cando xa había en Vilagarcía outro club, que era a sección de xadrez do Liceo Marítimo, do que eu era xogador naquel momento. No 2000 desaparece a sección de xadrez do Liceo e aí coincide a vontade de agrupar xogadores que quedan fóra do mesmo. Ángel Vilas foi o que dixo de crear escola e tiraron dos que estabamos noutros sitios para botar unha man e exercer de adestradores. E aí o club toma outra dimensión e comeza a medrar. Hai unha explosión de xogadores, unha xeración moi boa, empezamos a ter moita repercusión nos medios e nas empresas. E agora, despois do parón da pandemia, estamos volvendo a empezar e nun momento doce.
"As mulleres teñen outra maneira de enfocar a competición, que encaixa máis coa maneira na que a vemos nós"
Que hai que ter para xogar ó xadrez e, doutra banda, para destacar?
Para xogar hai que ter ganas. O xadrez é un xogo fabuloso se che gusta pero se non che gusta ten que ser aburridísimo. Existe ese mito, de que somos “os frikis”, pero eu convido a todo o mundo a ver quen son os rapaces que están no club: os máis trastos do mundo. Para destacar, como en case todo, hai que traballar. Porque a pesar de que non o pareza, o xadrez ten un volume moi grande de fichas e hai moita competitividade. É basicamente un xogo no que ti tes moita información diante e en función dela, tomas decisións. E isto é algo que pode facer todo o mundo. De feito, a min ó que máis me axudou o xadrez na miña vida é a tomar decisións. Tamén a asumir responsabilidades, porque non hai árbitro a quen culpar. Ti sabes, se perdiches, que é o que fixeches mal.
Que lle enganchou do xadrez?
Supoño que me gusta o proceso de intentar ser mellor na capacidade de interpretar o que está pasando. A percepción é de que é moi difícil, pero non o é. Entón, os rapaces aprenden moi rápido, son capaces de gañar na casa... e iso gusta. E cada partida é moi diferente. É moi creativo.
Que beneficios lle ve?
Eu son psicólogo de formación e ás veces vexo interpretacións que considero esaxeradas no sentido dos beneficios. Si que axuda a focalizar a atención porque o xogo absórbete e obrígache a estar pendente do que pasa. Despois, contaxia dun carácter máis pausado. Pero sobre todo, como calquera deporte, é un transmisor de valores excepcional, porque ti sabes que para mellorar hai que traballar, aprendes a xestionar o gañar e perder, a traballar con outros que van competir contigo...
Pódese aprender de maior?
Nós temos a Isabel, que é unha muller fabulosa que está no club e comezou acompañando ós seus netos, pero un día decidiu que quería aprender a xogar. Aprendeu con setenta e largos anos. E en canto pode vai ós torneos e pásao fabuloso.
E que teñen agora en perspectiva?
A temporada vai de xaneiro a de-cembro, así que está acabando aínda a anterior. Temos ós rapaces rematando o Circuito Galego e nós estamos construíndo os grupos de adestramento para arrincar a principios de ano, cando comeza a Liga Galega, na que fomos dúas veces campións. E priorizaremos intentar facer debutar no primeiro equipo á xente que vén da escola. Logo virán campeonatos provinciais e galegos.
Cal é o seu mellor recordo co club?
O mellor recordo foi cando quedamos campións de España por equipos xuvenís, en Benidorm no 2017. Para min foi a explosión de case 20 anos traballando no club, rapaces que vin empezar e que, ó final... Campións de España. Ver a Roberto Vidal, que segue sendo presidente e que estivo na súa fundación, tremendamente emocionado, para min ten un valor incalculable.
E que lle gustaría conseguir?
No club hai xente que se coñeceu con 8 anos e que hoxe, cando volven a Vilagarcía, o primeiro que fan é tentar verse, e avísannos e compartimos con eles. Eu estou moi ben pagado con iso xa. Se somos capaces de que unha nova xeración faga iso, xa é o bonus.
Esperemos que si a haxa...
Eu teño sensación boa con algunha xente pero non me gusta sinalar porque se crea unha imaxe de este é o bo, e os demais non, e iso non nos gusta. E eles tampouco son capaces de manexar iso. Cando algún gaña un ou dous torneos seguidos, hai miradas... e aínda que non queiras, sempre tratamos distinto ós rapaces cando gañan e cando perden. O fundamental é que desfruten.