Estrella Martínez | “Sanxenxo non é só sol e praia. É un concello riquísimo en patrimonio”

A Asociación Andarela de Sanxenxo naceu en 2009 para cubrir un baleiro que detectaron os seus fundadores: Non había ningunha asociación que dese a coñecer o patrimonio do municipio. A día de hoxe, teñen tres roteiros estrela e outras actividades para difundir todo o que hai na localidade, máis alá do “sol e praia”

Estrella Martínez fala con emoción cando explica todo o patrimonio que hai en Sanxenxo, pero tamén con mágoa, cando conta que as administracións non lle dan o valor que ten. Hoxe explícanos o labor que neste sentido fai Andarela.

 

Como e cando naceu Andarela?
Andarela naceu a finais de 2009 cun grupo de coñecidos que viamos que en Sanxenxo non había ningunha asociación que se adicase a dar a coñecer o patrimonio de alí. Si había, e sigue habendo, do patrimonio marítimo-terrestre, que é Amigos da Dorna, pero máis relacionada co mar.

 

Defínense como unha asociación cultural que pon en valor o patrimonio galego, natural, cultural, histórico e paisaxístico. Pon en valor Sanxenxo o suficiente o seu patrimonio? 
Pois non. O Concello de Sanxenxo, a administración, é máis de “sol e praia” e, precisamente, Sanxenxo é un concello riquísimo en patrimonio. En tódalas parroquias temos moitísimo, e non se coñece.

A xente dinos que se non fose por nós, non se sabería todo o que hai aquí. Por parte das administracións non hai interese

 

Que hai en Sanxenxo a nivel patrimonio que a xente non coñeza?
Nós temos tres roteiros estrela. O primeiro é o do Chan da Gorita, que nolo guía sempre o historiador Pepe Álvarez. El está anodadado das mámoas que temos. É incrible que a xente se pon en contacto con nós para dalo a coñecer. Con dicirche que hai catalogadas catro mámoas e nós xa debemos de ter coñecemento de doce... Aí no Chan da Gorita, temos tamén unha pedra cabalaria, como a de Muxía, que seguro que ninguén a coñece. Tamén temos dous cons, que son o con da Ventureira e en Nantes, o con da Romaíña. O outro roteiro estrela é o das herbas de San Xoan,  que o facemos o 23 de xuño. Alí hai un acuífero que sae na biografía de Frei Xoán de Navarrete, onde se conta que vindo en burro a predicar a Nantes caeu, e de aí saíu un acuífero. Nós falamos con todas as administracións para que o sinalizasen, pero decidiron que non está catalogado, e pásalle a estrada por riba. E o terceiro roteiro é o da Compaña, que o facemos de noite no mes de Defuntos. Están prohibidas as lanternas, procuramos ir de branco con candís ou candeas e imos falando do que significa esa ruta.

 

Que outras actividades fan, a parte dos roteiros?
Facemos tamén presentacións de libros. Aínda a semana pasada fixemos unha, do antropólogo Rafa Quintía, que é de Salcedo. Iamos facer unha que era das prantas mediciñais e nese tempo el escribiu e publicou un sobre o Entroido e tamén a fixemos. E tamén de Pepe Álvarez, o historiador.

 

Nestas actividades pode participar todo o mundo? Son gratuitas?
Si, son gratuitas e pode participar todo o mundo. Nós o que facemos é publicalo nas redes sociais, mandámolo tamén á prensa, que sempre nolo publican, e simplemente adoitamos poñer un punto de encontro e unha hora. O que si adoitamos poñer é se os roteiros son aptos para carriños ou non. Normalmente si son aptos para todo o mundo porque os nosos roteiros non son de camiñar, son de explicar e dar a coñecer.

 

Antes falábame do respaldo institucional. Que lle diría ás administracións para que teñan máis en conta toda esta riqueza que hai no concello de Sanxenxo?
Como nos di o noso historiador, Pepe Álvarez, non se coida o que non se coñece. Nós temos castros, A Lanzada, as mámoas, cruceiros... Sanxenxo é moi rico en patrimonio e non se coñece. Cando estivo o cuatripartito si quixeron empezar a mirar por isto, pero non foi a bo porto e non puido ser.

 

Andarela Sanxenxo
A presidenta (tercera comezando pola dereita) xunto a un grupo de directivas e colaboradoras da entidade | cedida

Ten algunha anécdota de alguén que, nalgún roteiro, dixera “eu non sabía que isto estaba aquí”?
Cos nenos, que tamén facemos roteiros con eles. Precisamente no das mámoas, explicarlle a un neno o que hai debaixo dun terreo é complicado, polo que imos con fotos. E nenos de 5º de Primaria preguntáronme: “Por que non hai ningunha visible?” Entón claro, dixémoslles que iso era cousa das administracións e eles dixeron: “Ah, pero mañá vimos catro ou cinco e isto facémolo nun momento”. E despois, outro día, un neno mareouse e veu o pai a buscalo, pero non quixo marchar para a casa. Quería seguir escoitando ó seu mestre, que era Pepe Álvarez. Tivo que vir o pai de coche-escoba. E a xente dinos que se non fose por nós non se sabe o que hai en Sanxenxo. Hai un ano puxeron uns carteis no con da Ventureira, na Lanzada, no Chan da Gorita e no con da Romaíña. Teñen un código QR, pero tampouco é moi visible. Non hai moito interese.

 

Hai un ano unha das mulleres que forma parte da asociación atopou mariscando unha ferramenta paleolítica. Aínda a ten?
Si, aínda a ten ela. E a asociación ten máis. Pero é o que falabamos. Nós podemos dalo a coñecer, pero se non hai interese por poñelas nun museo ou algo así, ó mellor acaban nun soto.

 

Se tivese que quedar cunha soa das cousas que hai en Sanxenxo, cal sería?
Coas mámoas. Porque precisamente Pepe Álvarez, que coñece moito patrimonio fóra de Galicia, nunha delas dixo “é enorme”, e que é unha pena que non teñamos iso visible e dalo a coñecer. Son cousas antigas e nunca as veremos se as institucións non deciden poñelo en valor. 

Estrella Martínez | “Sanxenxo non é só sol e praia. É un concello riquísimo en patrimonio”

Te puede interesar