Cambiar de póla

Querían seguir na mesma e na mesma casa da mesma cidade, na que vivían dende hai tempo, moito tempo, máis do que parece. Aínda que ti pares, mires ou deixes de mirar, de ver e de escoitar, o tempo segue co seu ritmo constante e non se para con ninguén ou por calquera. A ela moito lle gustaría ser a ama do tempo, encariñarse co reloxo e pousar os seus anhelos nunha folla calquera de calquera árbore. Alí estarán moi ben o tempo que sexa, cando menos, mentres non pase o inverno. E, detrás dun inverno chega outro, e detrás outro ata que ningún dos presentes saiba cal será a súa última invernía.


Adelaida, a mestra dunha dos milleiros de unitarias espalladas por Galicia, a mediados do século pasado, alardeaba gozosa do seu nome galego e de pasar a maioría dos invernos da súa vida, con invernías diferentes, sen luz e sen abrigo, sen calzado e con sabañóns en abundancia de noite e de día, nas mans, nas orellas e no nariz. Os invernos eran longos e escuros, con tanta escuridade que non se podía  entender a beleza da luz.


Cando chega a primavera, todo cambia. A mirada dos escolares cambia, a actitude dos maiores suavízase e o mundo camiña, a paso lento, cara ao verán dos ilusionados veraneantes. Daquela, todo se esquece, xa non hai mal tempo, nin frío na escola. A roda segue rodando, mentres o clima vai cambiando, como sempre.


A Adelaida gustaríalle ser a ama do clima, para cambialo ao seu gusto e para que as choivas fosen sempre moderadas e amorosas. Quen mandará no clima? A natureza, sen a intervención humana, non é capaz de tanta perversión, de tanta ruindade. Que pasa? Que estará pasando no mundo para que se sucedan as desgrazas, tanto desastre e tanta malura?


A ciencia e os científicos deberían aplicarse para prever e ver o que vai pasar e dende as instancias gobernamentais deben poñer medios, habilitar protocolos, avisar á cidadanía e cumprir coas súas obrigas, sempre e en cada caso. Os gobernantes non dan feito, están na trincheira agochados; na realidade, desorientados e todos eles queren que se ordene o mundo conforme aos seus caprichos.


A cidadanía queda ao pairo mirando para a televisión e escoitando como aumenta a presión bélica, como se mata impunemente, como se destrúen cidades, infraestruturas, casas, conciencias e corazóns. Ao pairo e desprotexida diante da acción violenta da traxedia, de calquera desgracia  e das mentiras entrelazadas e cacarexadas por aquelas e aqueles que poñen todo o seu interese na reviravolta. A Tía Manuela teno claro: “Cómpre cambiar de póla”.

 

Cambiar de póla

Te puede interesar

Xosé Castro Ratón
Luís Celeiro
Javier García Sánchez
Xosé Castro Ratón
Luís Celeiro
Javier García Sánchez