A dor da alma

Descoidouse e chegou tarde. Era unha tarde de lecer e de risa, de tira para adiante e cala, que se falas sábese todo, todo. Unha tarde de tira e solta, de mira e non me toques, de espanta paxaros, de sube e baixa, de frío invernal, dese que entumece o espírito e conxela as ideas. Cando ela chegou tarde ao parzamique, a sala estaba repleta de xente calada, mentres unha persoa de alta consideración para a veciñanza falaba e un grupo de pandereteiras agardaba para tocar aquela de “pola faldra da camisa / aló subía un piollo ...”.


A soidade era infinda e mancaba. Mancáballes á maioría daquelas persoas soas, tristes e cos ollos enterrados no fondo da fermosura das súas caras. A mirada daquelas persoas parecía ausente, desenfocada ou, incluso, desolada. Era como a mirada de persoas abatidas pola soidade que as agardaba, para acompañalas sempre. 


Hai autores que din que a soidade é unha experiencia recreada na literatura universal, unha escusa para reflectir a condición humana e as súas emocións. Nós queremos que todos os lectores deste xornal sintan que teñen ao seu lado con quen falar e a quen escoitar. Poida que sexa acertada a proposta de Haruki Murakami, premio Princesa de Asturias das Letras, cando fala de alixeirar o drama con golpes de humor, de risa e de arelas de proseguir, de continuar ata que xa non se poida máis.


A invernía e a soidade abrázanse, xúntanse e quérense como irmás. E, a sociedade informatizada, enganchada ao micrófono, con gobernanza telemática e coa administración dos servizos públicos rexida dende a  distancia, ten poucos alicientes para acariñarse entre si, para bailar na romaría telemática ou para festexar o aniversario do nacemento da súa cadela, Marilola. 


A soidade agrándase cando non hai can nin cadela, cando non hai gato nin gata, nin outra mascota cariñosa que esixa atención e comprensión. Cos maiores da casa non se pode falar. Non entenden nada do que ocorre, non saben que para ter harmonía na convivencia é conveniente ter dúas ou tres mascotas en cada piso, do edificio, sexan moitos ou poucos. 


A poboación concéntrase nas cidades e a soidade urbana hai que tratala como un problema de saúde pública. Aquela persoa que vive soa na única casa da aldea solitaria ten acompañamento da natureza. Están con ela os cans e os zorros, os esquíos e as anduriñas cando volven, o ruxir do tempo e o resoar das campás e aturular da mocidade que ven da romaría. Coidado! Como di a Tía Manuela a soidade “é un sentimento, unha dor que afecta ao corpo e á alma”.

A dor da alma

Te puede interesar

Luís Celeiro
Javier García Sánchez
Xosé Castro Ratón
Luís Celeiro
Javier García Sánchez
Xosé Castro Ratón