O ritmo das raíces

As Letras Galegas de 2025 dedicarase ao cancioneiro popular galego, cunha homenaxe particular a figuras representativas da tradición oral e coa orientación do foco no papel fundamental das mulleres na preservación e transmisión da lingua e cultura galegas a través da música e a poesía oral. Para a RAG, estas expresións culturais, transmitidas popularmente, contribuíron a manter viva a identidade galega, especialmente en contextos nos que a lingua estaba excluída do ámbito oficial.


A ocasión tamén busca darlle visibilidade e dignificar esta tradición, que durante moito tempo permaneceu relegada á esfera privada e ao anonimato, a pesar da súa riqueza e importancia. A homenaxe subliña o vínculo entre esta herdanza cultural e a súa adaptación polos novos artistas que combinan a tradición e tendencias contemporáneas. Arte musical de raíz, de onte para hoxe.


A elección conecta tamén co novo impulso para declarar o baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural (BIC), subliñando a condición inseparábel entre música e baile na tradición galega. Estas expresións non só destacan pola súa beleza artística, senón tamén polo seu papel social, servindo como espazos de aprendizaxe, cohesión e comunicación comunitaria. Os seráns ou fiadeiros, encontros populares para compartir música, baile e sociabilidade, exemplifican este vínculo. Estes contextos informais facilitaron a transmisión entre sucesivas xeracións de coñecementos, reforzando a identidade cultural e creando un sentido de comunidade diferenciada.


A futura protección desta manifestación cultural ten varios retos. A declaración do baile tradicional como BIC busca non só recoñecer o seu valor inmaterial histórico e artístico, senón tamén garantir a súa conservación e difusión. Esta iniciativa insta as administracións públicas e as universidades a promover a investigación, a catalogación e a dixitalización de arquivos históricos, con vistas a facelos accesibles á sociedade. Ademais, recoméndase impulsar difusión, actividades e encontros que fomenten o coñecemento e a práctica destas expresións culturais entre as novas xeracións.


A conexión entre música e baile galego é xa de tradición milenaria. Desde os cantares de traballo ata os bailes nas festas populares, estas manifestacións construíron unha narrativa colectiva que reflicte as vivencias, as emocións e as loitas dunha comunidade. A variada literatura etnográfica galega destaca a relevancia destas prácticas e a súa capacidade de adaptación ao longo do tempo.


Así e todo, a globalización e a uniformidade cultural presentan desafíos á supervivencia destas formas tradicionais. A declaración como BIC ou súa divulgación nas Letras Galegas non é só un xesto simbólico, senón unha chamada de atención para manter vivo este legado. A fusión entre tradición e modernidade, como se ve en artistas contemporáneos que integran elementos populares na música actual mostra que estas prácticas saben evolucionar sen perder a súa esencia. Abofé.


Por iso, tanto o cancioneiro da música popular como o baile tradicional son expresións culturais que transcenden a estética para converterse en ferramentas de identidade e cohesión social. A súa protección e promoción son fundamentais para garantir o recoñecendo nelas da esencia de Galiza.

O ritmo das raíces

Te puede interesar

Xosé Castro Ratón
Luís Celeiro
Xosé Castro Ratón
Luís Celeiro