Antonio Caeiro é o presidente de O Faiado da Memoria, un proxecto que, xunto coa súa compañeira, Margarita Teijeiro, comezaron coa idea de rescatar o pasado de Vilagarcía e outros municipios próximos. Porén, a grande acollida entre a cidadanía fixo que pronto tivesen que centrarse só na capital arousá. Hoxe fala con nós da súa historia e da memoria.
Como e cando xorde O Faiado da Memoria?
Eu adícome ó audiovisual, a facer documentais, e sempre tes o problema de ver de onde sacas o material para facelo. Entón, vas casa por casa e demais. Cando cheguei a Vilagarcía, xunto coa miña compañeira, Margarita, falamos de facer un grupo no que nós foramos indo polas casas, collendo este material para despois centralizalo nun sitio. E así empezou no 2008 este traballo de recompilación de material gráfico, sonoro, audiovisual e documental de Vilagarcía, aínda que ó principio tamén tiñamos doutros pobos da zona.
Así que finalmente decidiron recoller só material de Vilagarcía...
Si. Porque decidimos, en vez de que fora a xente a que nos trouxera as fotos a nós, como facían noutros sitios como no Porriño, que foramos nós os que fosemos ás casas. A razón é o medo que tiña a xente a que lle levasen as súas fotos. Iamos ás casas e colliamos fotos en cantidades industriais. Cando nos preguntaban cales nos interesaban, diciamos “desde o bautizo para arriba, todas”. En tres meses xa superabamos as 5.000 e agora xa debemos de estar por riba das 300.000.
En tres meses de traballo xa superabamos as 5.000 fotos e agora xa debemos de estar por riba das 300.000
Onde se poden ver todas esas fotografías?
A maior parte témola dentro da web do Faiado da Memoria. O que nós intentamos ó principio era ter un sitio físico onde se puidesen ver, e estivemos co Concello de Vilagarcía, onde montamos a Memoria Social de Vilagarcía, pero houbo uns problemas e tivemos que saír de alí. Tamén fixeramos unha primeira exposición na Rivas Briones para darnos a coñecer e puxemos unha libretiña na entrada para que a xente escribise unhas palabras. E sabes o que máis puxeron? Os seus teléfonos para que foramos polas súas casas a coller fotos. Entón empezou a cousa a subir e foi cando tivemos que abandonar os outros pobos e centrarnos só en Vilagarcía.
Hoxe en día siguen indo polas casas a recoller material?
Imos polas casas pero con menos frecuencia porque aínda temos moitas fotos que escanear do fotógrafo Ferrazo. Dende 2009 non demos rematado e iso que escaneamos diariamente.
E saben a historia das fotos ou tamén teñen que investigar sobre quen sae nelas ou que ilustran?
O bo é que como Margarita leva toda a súa vida en Vilagarcía, coñece moitísima xente. Entón cando ve xente nas fotos, chama, pide datos, e eses datos súbeos á nosa web. Moitas veces a través do Facebook a xente vai contando cousas e tamén fixemos moitos encontros alí no Faiado proxectando as fotos en grande para que a xente fora identificando ese material. Todos os que xa nos deixaron a súa memoria poden morrer tranquilos porque xa non morren nunca máis.
Por que é tan importante para vostedes manter esas lembranzas?
Nós sempre traballamos sobre a memoria, oral pero tamén histórica. Entón, con esa idea de que todo se pode perder, é o que procuramos que non se faga.
Somos unha sociedade con pouca memoria, en xeral?
Bastante pouca. Se imos á vida social e política destes momentos, nótase que moi pouca. Non podemos estar en contra dunhas situacións pasadas e ó mesmo tempo provocándoas outra vez.
Das fotos, cal é a máis antiga que teñen?
Temos de principios de século, incluso de antes de finais do século. Algunhas non as podemos datar porque nin sequera os que as teñen saben... pero atopamos algunhas nos faiados que nin eran das persoas que vivían alí senón que as atoparon no faiado doutra xente. Das películas, a máis vella é de metade dos anos 20.
Algunha especialmente valiosa?
Hai algunhas de mulleres traballadoras, que se adicaban a levar dos barcos á zona da estación tellas, fento, etc. Pero ver en película unha tormenta sobre o Balneario da Concha, chocando alí as ondas, ou por exemplo onde hoxe é a Cadena SER, que non había nada daquela... Iso é algo que se non andas por aí buscando cousas raras... porque a veces atopas material nos sitios máis estraños.
Ademais da recompilación de material tamén fan roteiros, non?
Si, estamos coa xente da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía e imos creando roteiros alí onde sucederon cousas. Hai catro e estase creando a quinta. Son placas subvencionadas pola xente e con esas placas imos facendo camiños, percorréndoas todas e falando do que se fixo alí. Tamén facemos percorridos cos institutos, que é o que máis nos interesa, polo feito de ter xente nova que siga continuando coa memoria.
Que soño lles queda por cumprir?
O soño en si xa o temos cuberto porque era ter local propio e témolo. Alí facemos presentacións de libros, charlas, conferencias, exposicións...
Pero queda moita foto por escanear...
Ah, iso si! Pero aínda que collese artrose Margarita nas mans, vai seguir.