Catuxa Salom | “Non teño dúas cancións iguais. Sinto fame de probar sempre o novo”

A artista vilagarciá Catuxa Salom estrea hoxe o seu álbum debut, “Caldo”, e o sábado actuará no marco do Festival de Castes, na Praza da Peixería. Ela fala do proceso de creación, do mundo da música e do que supón para ela tocar na que é, ao fin e ao cabo, a súa casa
Catuxa Salom | “Non teño dúas cancións iguais. Sinto fame de probar sempre o novo”
A vilagarciá actuará o sábado no marco do Castes | AIGI BOGA

Catuxa Salom é desas artistas polifacéticas cuxa traxectoria non se limita unicamente a unha disciplina. Ela é compositora, música, cantante, actriz e un longo etcétera. Con raíces en Vilagarcía e na Arxentina a artista saca á luz o seu álbum debut “Caldo”, un traballo creado para bailar e para descubrir diferentes estilos musicais.

 

Compós, tocas, cantas... digamos que es unha artista completa.

Eu dende moi pequena souben que me quería dedicar á música. Estudei piano, guitarra e tamén canto en Vilagarcía. Con 17 anos funme a vivir a Madrid a estudiar Socioloxía e Arte Dramático e dou un xiro máis para o mundo das artes escénicas, do teatro e do cine.

 

Pero a música sempre estivo aí?

Si, cando cumprín 20 anos formamos unha banda de “country” e tocabamos na rúa. Eu considero que aí foi donde adquirín unha boa formación. Na rúa colles moitas táboas. Afasteime un pouco do mundo do teatro e concentreime na música ata que chegou a pandemia, todo parou en seco e acabouse esa opción de seguir tocando nas rúas. Vivir en Madrid fíxose insostible.

 

Foi aí cando se produciu o retorno á terra?

Si, volvín para unha aldea de Lugo, moi pequena, de 14 persoas. Foi un cambio drástico, pero necesario e visto con perspectiva tiña que ser así. Foi alí donde creei o meu primeiro LP, “Nunha aldea”.

 

Moito cambio, dunha gran cidade a un entorno moi rural...
Si. Eu recoñezo que tiña unha mirada moi romántica do rural, paxariños, aldea... Cando foron pasando os meses comprobei que non todo era tan idílico. Foi cando decidín crear “Caldo”, donde profundizo máis no mundo emocional. Desromantizo o rural e doume conta da importancia da rede de afectos. Son vitais nunha sociedade tremendamente individualizada e percibo que nas aldeas ese sentimento de colectividade aínda segue existindo.

 

O álbum é unha mestura de varios estilos que van dende os sons electrónicos ata o afrobeat e incluso o reggeaton.
Eu escoito moitos estilos de música e creo que por iso hai esa influencia. Non teño dúas cancións iguais pola fame que sinto de probar novos sons, de investigar e de ter sempre un pé nas miñas raíces que son tanto arxentinas como galegas.

 

As letras das túas cancións son moi potentes e falan de cuestións como a liberdade, atoparse a un mesmo, os coidados... Cres que a música axuda a mudar mentalidades?
Os temas son inherentes á miña forma de ver a sociedade. E si, creo que se poden mudar cousas coa música. Penso que esta ten un poder transformador moi moi bestia. Hai xente que está moi moi mal e que despois dun concerto se sinte moito mellor. As mensaxes creo que refliten bastante ben a sociedade de hoxe en día. Toco cousas como a individualidade, coidarnos entre nós, o tema de coidar o medio ambiente, das augas, de liberar o corpo...

 

Tes a experiencia de tocar na rúa, de estar en concertos máis íntimos e tan en festivais ante miles de persoas. En que formato te sentes máis cómoda?
A verdade é que me gustan todos. Nuns tes a oportunidade de tocar ante moitísima xente e que te coñezan e outros que teño feito en aldeas moi pequeniñas están moi ben porque estás en cercanía.

 

A túa música nace do circuito independente. Hoxe hai miles de opcións a través das plataformas de escoita dixital. Velas como unha oportunidade ou cres que ocorre o mesmo que cando se movían só as discográficas?
Eu creo que as plataformas son unha oportunidade. Hoxe en día estase lanzando música incrible a través delas. Democratizan o mundillo.

Catuxa Salom | “Non teño dúas cancións iguais. Sinto fame de probar sempre o novo”

Te puede interesar