Javier Piñeiro (CDL Vilanova) | “O máis bonito é axudar á xente a atopar o seu camiño e facer a súa vida”

Javier Piñeiro leva á fronte do Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova de Arousa dende que comezou, no 2015. Por iso, manexa con soltura centos de datos sobre cursos, datas e cifras de todo tipo sobre o CDL, un referente para a formación, non só en O Salnés, senón tamén fóra da comarca.

 

Como naceu o CDL? 
O Pazo (de Vista Real) foi comprado polo Concello de Vilanova en xaneiro de 2010 por 1.085.000 euros. Son 38.000 metros cadrados de extensión, coas dúas edificacións principais. En outubro de 2015 a xunta de goberno local creou o Centro de Desenvolvemento Local e nombroume a min responsable. Comezamos con dúas aulas soamente, impartindo cursos moi demandados e prácticos, que foron enganchando á xente. Dous anos despois xa inauguramos a primeira planta, con dúas aulas máis, e no 2020 as antigas cabalarizas foron convertidas na escola de hostalería Mar de Santiago, que forma a 20 rapaces desempregados de Vilanova en cociña e sala.

 

Recentemente empezaron tamén a apostar polo emprendemento. Que se fai nese senso?
Vilanova é o Polo de Emprendemento número 15 dos que hai en Galicia, abrangue 27 concellos. Unha zona moi ampla e dinámica das Rías Baixas. Actualmente temos dúas técnicas: Yolanda Brea   e Arancha, que levan sobre un cento de proxectos. Empezou o 13 de novembro e está xa totalmente consolidado, sendo un dos Polos de Emprendemento máis dinámicos de Galicia.

 

Como axudan ós emprendedores?
Pode ser que veña alguén cun proxecto xa iniciado que queira expandir ou mellorar, ou alguén cunha idea de proxecto. Neste caso, indícanselle as posibilidades que ten, as alternativas que hai, as distintas formas xurídicas... Ata que se plasma xa nunha realidade. E despois hai un labor de titoría con persoal especializado, que fai que haxa un balance bastante positivo de ideas que se converten en empresas xa desenvolvidas.

 

"O Obradoiro Mar de Santiago é a xoia da coroa. Saen moi ben preparados a ata son seleccionados para hoteis de cinco estrelas"

 

Volvendo ós cursos que se imparten no CDL, cal é o máis exitoso?
Hai cursos moi demandados como pode ser o de carretilla elevadora, grúa autocargante,  caixeiro-repoñedor ou manipulador de alimentos. Son cursos que organizamos todos os meses.

 

Cales demandan máis as empresas? 
As empresas da zona  son do ámbito do viño, da conserva... e para traballar aí necesitas un carné de manipulador de alimentos, ou fitosanitarios, ou de carretilla elevadora. Despois, hai outros máis reglados para os que fai falla formación previa e que duran varios meses. Por exemplo, temos un agora de Comercio Exterior e Marketing, que dura 768 horas e remata o 15 de setembro. E outro de Seguridade Informática, que son 518 horas e remata o 30 de xuño. Noutros non fai falla ter nin a ESO, como o que vai empezar agora de Operacións Básicas de Restaurante-Bar, que son 290 horas. O ano pasado tivemos 15 alumnos e colocáronse profesionalmente 12. Logo está o Obradoiro Mar de Santiago, que é a xoia da coroa, de onde saen moi ben preparados. Teñen ofertas de traballo para escoller. De feito, o ano pasado houbo alumnos que foron seleccionados para traballar en hoteis de cinco estrelas.

 

O CDL tamén colga no seu Facebook ofertas de traballo, con moito éxito xa que supera os 15.000 seguidores...
Temos arredor de 700.000 visitas cada mes e dende que empezamos co Facebook teremos publicado unhas 45.000 ofertas de emprego, do ámbito entre Vigo e Santiago. Ás veces estráñaste de que alguén de Tui veña facer un curso a Vilanova. Igual non saben que se poden facer en Vigo ou en Tui. De feito, só o 23% dos alumnos  son de Vilanova. O 46% son do resto de O Salnés e o 31% son do norte da provincia de Pontevedra e do sur da da Coruña.

 

Como é o proceso para inscribirse neses cursos e que custe teñen?
Hai un enlace privado, que ti envías esa solicitude e xa se che convoca para asistir. Algúns son gratuitos, outros son pagando e noutros incluso che pagan, como no Obradoiro de Emprego, onde reciben o salario mínimo. Para que te deas unha idea da variedade de cursos que hai, dende que empezamos temos 30 especialidades diferentes.

 

CDL Vilanova
Piñeiro, durante unha acción formativa nas instalacións do Pazo Vista Real | Gonzalo Salgado

 

Tamén estarán implementando formación en novas tecnoloxías...
Si. Tivemos moitos anos cursos de pilotaxe de drons e fomos pioneiros en Galicia nos campamentos tecnolóxicos para escolares. Comezaron no 2016 e veñen nenos de todo O Salnés e de fóra. Durante unha semana fórmanse en robótica, programación, intelixencia artificial, creación de videoxogos, etc. Foi tal éxito que houbo que implementar clases extraescolares.

 

Ten que ser gratificante axudar á xente a buscar un futuro mellor...
Si. O máis bonito é axudar á xente a encontrar o seu camiño. Hai xente que vén e que che di “gracias a este curso agora estou traballando, puiden ter fillos e facer a miña vida”, o cal é moi gratificante. Ademais, temos un convenio con Cogami, co cal veñen ó CDL persoas con discapacidade a formarse. Tamén quixera comentar que no CDL temos unha oficina de asesoramento para empresarios e emprendedores que queiran instalarse no polígono de Baión. Temos 36 parcelas de chan industrial que ocupan 105.000 metros cadrados, das cales so falta unha por vender, de 4.970 metros. E o resto, de uso comercial, estamos negociando coa Xunta para convertelo en industrial. Serían 21 parcelas que van xerar moitos empregos.

Javier Piñeiro (CDL Vilanova) | “O máis bonito é axudar á xente a atopar o seu camiño e facer a súa vida”

Te puede interesar